Preparando a negociación

Preparando a negociación

Empezarei afirmando que non son arredista, pero si un firme defensor de recoñecer as diversas realidades políticas que conforman actualmente o Estado sen ambigüidades. Con todo, o pulso que mantén a día de hoxe a Generalitat co Goberno polo tema do referendo en Catalunya, lévame a reflexionar sobor deste tema. 

En primeiro lugar dicir que a esta situación chegouse por un cúmulo de erros de quen goberna o Estado e non os soubo ler, entender nin solucionar. 

A segunda cuestión é que, os problemas políticos cando os hai, e neste caso é así, deben ser resoltos de maneira negociada e non deixalos que podrezan ou nos leven a enfrontamentos como o que acontece agora. E, dende logo, menos seguindo a vía xudicial, pois a lei, cando miles de persoas non están dispostas a cumprila, non vele ren.

Neste senso o erro de arremeter contra o estatuto e o idioma catalán por parte dos populares e o goberno están na base do asunto. Pois, dende aquela medrou o independentismo. Polo que, pretender agora arranxar un asunto pola vía da aplicación da lei é unha mala solución dado que un sector moi importante da poboación non está por aceptar tal saída.

A terceira cuestión ven dada pola forma de ver o que lle chaman os nacionalismos periféricos.  Pois parte dun españolismo entende España a súa maneira. Claro, sen decatarse que a diversidade, non é unha concesión se non que exercela é un dereito. Polo que, esa visión monolítica e mitificada da unidade política e cultural española, unidade que critica a existencia doutras culturas como algo, pouco menos que anticuado, desfasado, froito do resentimento e outros cualificativos pouco afortunados, a día de hoxe xa non é admisible. 

E diante esta visión hai que desmitificar a idea das verdades absolutas e fixas, e percibir que o catastro político non é algo permanente e fixo para toda a vida nun país, continente ou zona do mundo, pois a división política tanto en Europa como no resto do mundo, non sempre foi igual nin o será.

Polo tanto, cando se fala de a unidade indivisible dun país, tal afirmación non deixa de ser unha aseveración de parte ou interesada. Portugal foi anos atras parte de España é hoxe non é, si ou non.

Dixen que son dos que penso que somos un Estado e que mellor estamos xuntos que separados. Pero tamén digo que a uniformidade da única nación non me gusta pois priva duns dereitos herdados e culturais a outros lugares que tamén son Estado,  dado que teñen unha historia, lingua, formas de ver a vida e recursos naturais distintos ós que temos dereito a explotar por estar no seu territorio.

E iso parece que non se quere entender. E para argumentalo empréganse tópicos, incluso ferintes, co único obxectivo de seguir mantendo o estatus actual. 

España, mellor a península, é un mosaico emanado dunha historia que fraguará mellor dende o respecto ás identidades nacionais e os dereitos que iso conleva.

Por iso afirmo que os erros cometidos e o ninguneo a Catalunya traen como consecuencia iste choque de trens do día un de outubro. E aínda que o referendo non teña valor xurídico, valerá como punto de partida para unha futura negociación política que seguro modificará o marco constitucional actual

Non comparto as formas de aprobación das leis secesionistas, non. Pero entendo que cando se despreza a un sector moi importante da poboación, os seus gobernantes fagan manobras para que se escoiten as reivindicacións que están dende anos sobor da mesa.

En fin, espero que a cordura impere e que a negociación política se impoña, recoñecendo as tres indentidades nacionais que xunto a castelá conforman o Estado, e que desa reforma constitucional, que chegará, a nosa terra non quede descolgada e esquecida como nacionalidade que de facto é.