Opinión

Preparar a máquina electoral

A fracasada investidura do Sr. Sánchez deixou imaxes, ou se o prefiren retratos, dos persoeiros que neste momento son os primeiros espadas da política estatal. Tamén quitou á luz a retórica que a día de hoxe amosa as actitudes e postureos de nenos de colexio ou de asamblea de barrio que en nada favorecen a quen as usa con suma frecuencia. Aínda que todo transcurriu como estaba programado, houbo retranca, lembranzas dun pasado escuro e complicado cando o terrorismo etarra era a portada diaria, e algunha dose de sinceridade.

Houbo tamén moito run run e apalauso segundo a bancada e o representante que falaba. Pero a sensación xeral é que o que votaron os cidadáns o 20 D non chegou a entenderse polas súas señorías, que parece viven soamente imbuídos no mundo único e exclusivo partidario. Soamente atenden e ven ás consignas dos seus xefes de filas sen escoitar os argumentos dos adversarios e menos as voces dos cidadáns da rúa.

E pasado o trámite das dúas votacións, ábrese un novo calendario que segundo parece, e de non mediar un milagre, rematará con novas eleccións. Cando a cidadanía lanza unha mensaxe e dí “enténdanse”, a distancia e os vetos impostos por uns e outros impiden o diálogo inicial. Todos queren falar e xustificar a súa postura, pero practican con lixeireza un diálogo de xordos.

Os populares, sabendo do cansancio dos cidadáns, xogan a seren zorros e esperar a que veñan tempos mellores. Nada do pasado se pode tocar e como sen nós ningunha reforma fonda se pode iniciar, pois aguanten e esperen. Conclusión: nos ou o caos. Claro, son sabedores de que xente que os segue é a que mellor tolera e ate xustifica o asunto da corrupción e outras falcatruadas. Polo tanto, esperar. Pola chamada esquerda real, viven a día de hoxe da arrogancia, certa prepotencia e unha oratoria de corte populista. Todo en defensa dos máis débiles, e promesas de melloras sociais e gratuidades a esgalla. Por parte dos dous partidos que chegaron a un acordo de mínimos, camiñan dándose un abrazo case incondicional que pecha portas cos que se denominan novas forzas e traen outras formas de facer política.

E nestas andamos, todos moi boas palabras e a esperar que se consuman os prazos para chegar da mellor maneira ás próximas eleccións. E mentres, no Estado e en Galicia, a esperar. E seguro dereitos a votar de novo. A preocupación do presidente da Xunta e os provinciais é ter ben engrasada a maquina electoral, pois puidera acontecer que o 26 de xuño teñamos que meter tres papeletas, e dar o primeiro paso cara unha autonomía de segunda fila que, como dixo un señor que se apelida Buitrón, somos unha comunidade semellante a Extremadura ou Murcia.

Pero o mundo camiña, e lembro as verbas do presidente todo poderoso da saga ourensán que dixo no seu congreso: “Somos unha máquina electoral”. Manda nabo, pois inxenuo pensei que ademais diría para transformar esta provincia e elevar o nivel de vida dos ourensás. Non, fíxádevos somos unha máquina electoral. E digo eu, parece que o que importa soamente son os votos. Esquecendo que detrás de cada sufraxio hai unha historia, unha persoa e moitos problemas colectivos que resolver.

En fin, necesitamos líderes capaces de traer ilusión e ánimo á terra do mítico Breogán. Pois percibo que estamos esmorecendo en case todo, estamos desaparecendo do mapa como Galicia e parece que, ou facemos o parvo para non ver, ou o somos. Claro que sempre nos queda a frase de anos atrás cando había a ditadura franquista e xa chegara o 25 de abril no pais veciño. Menos mal que nos queda Portugal.

Te puede interesar