Opinión

Propostas laborais

Hai uns días un señor, creo mexicano, prefiro non lembrarme do nome, dicía que había que pasar a traballar menos días á semana, pero ademais falaba de que teríamos que xubilarnos ós 75 anos, pois había que repartir o curro. Proposta o meu modo de ver contraditoria. Neses mesmos días, unha autoridade da Comunidade de Madrid deixaba caer para a reflexión a seguinte pregunta: os doentes crónicos debían estar a cargo da Seguridade Social sempre? A pregunta poñía en dúbida se a sociedade ten que ser solidaria ou non cos doentes. Tales afirmacións e propostas lanzadas ó vento poñen en cuestión principios que ate agora na sociedade occidental non o estaban. Camiñamos, paso a paso, cara un modelo social que, no fondo, ademais de ser sumamente clasista, pretende pór en práctica a caridade como elemento de solución de problemas, e deixa de lado o que debera ser de xustiza. Veñen tempos nos que a frase de sálvese que poida e como poida, cada día está máis de actualidade.

Ben sei que o liberalismo levado á máxima expresión reclama o deixar facer sen norma e tamén que o Estado liberal quere eliminar todo tipo de intervención solidaria entre as persoas. Quen manda soamente é o empresario, pensan. E para elo cantas menos leis mellor. Agora que se fala de recuperación económica, cuestión que está por ver, decatámonos que ter un emprego xa non é unha forma de vivir. E unha forma de resistir, de ir tirando malamente.

A fonda crise que vivimos no mundo occidental, xunto coa chamada globalización económica, pon sobre a mesa novos retos. Pero a nosa sociedade está facéndonos a todos máis insolidarios e egoístas. A substitución das pequenas empresas por grandes multinacionais, e os empresarios familiares por consellos de administración, onde soamente se fala de números e non de persoas, deshumanizou máis o sistema económico actual. O sistema capitalista, con gran esforzo dos traballadores, que tamén son consumidores, trouxo moito desenvolvemento nos últimos cincuenta anos. Pero chegou o momento da crise, e todos andamos un tanto perdidos sen norte e sen saber que camiño tomar. E nese contexto tan incerto onde se non se medra e se consume, a economía e a roda mundial frea e non funciona, parece levarnos a un canellón sen saída. A falla de globalización de dereitos trouxo a fuxida das empresas na procura de man de obra barata. En fin, o mundo neste século XXI precisa buscar solucións que, sen perder de vista a solidariedade, a humanidade e que o centro de toda acción é o ser humano, senten as bases dunha sociedade futura máis xusta e igualitaria no básico, e mellor para todos.

Pero as propostas insolidarias, liberais, sen control do Estado, clasistas, racistas e mesmo puramente económicas non deben ter cabida nunha dialéctica que se ten que abrir e que debe aportar solucións dende unha filosofía baseada no humanismo social solidario que preserve os dereitos básicos das persoas. 

Por iso, a proposta dese señor o que aludín ó principio e a pregunta da autoridade da comunidade de Madrid, téñenme un tufo rancio que soa a liberalismo insolidario e aproveitado.

Te puede interesar