Opinión

Quen inventou a pólvora?

A boas hora nos enteramos de que a pólvora inventouse no barrio do Polvorín, eiquí en Ourense. Mais como a historia que circula está un tanto terxiversada, cremos que a inventaron os chinos hai milleiros de anos. Vivimos, a gran maioría dos ourensáns, un tanto mal informados, pois os problemas do noso concello, segundo parece, non son os que nós pensabamos, por iso andamos errados como no asunto da pólvora. A culpa desta desinformación é de que estamos máis entretidos cos asuntos que xurden alén das nosas fronteiras e, como pretendemos arranxar o mundo nas tascas, bares e conversas de café, deixamos a casa sen barrer. E claro, así nois vai. Ou sexa, confundimos o cú coas témporas, as churras coas merinas e a ficción coa realidade.

Pois nada, como o concello e o seu goberno maiormente vive na inopia, pois entramos no tempo das ocurrencias presentadas en rolda de prensa. Ocurrencia dun, ocurrencia do outro. E visto o visto, parece ser que o problema máis grande que ten a nosa cidade, segundo a Consellería de Comercio, é a carencia dunhas tirolinas como atracción para que nos veñan visitar e para que nós pasemos o tempo viaxando colgados dun artiluxio a modo de pasarela atrevida e divertida. E o goberno municipal, sempre receptivo ás ocurrencias, seica vai estudar o asunto.

Atrás quedan as reivindicacións de anos como a entrada do AVE na cidade; o plan de ordenación; a creación dun grande parque ou zona verde na finca da Deputación; unha piscina no sur do concello; as rotondas en varios puntos da cidade, entre eles a entrada os velorios das Burgas; o saneamento integral do Barbaña e do Loña; as concesións de servizos públicos caducadas; a solución para estrada OR 105 ó paso por Seixalbo; o deterioso dos xardíns como o do Posío e outros. E non sigo pois son moitos os asuntos que esperan na cola do non resolto. Mais, despois do dito, chegou o tempo das tirolinas. Chegou o tempo de entreter ós cidadáns contándolle milongas ourensás que non da Pampa. E xa se sabe, a milonga como cantiga un tanto chorona e triste, caracterízase por unha ritmo a modo de obstinato que se repite cansinamente e que, nalgúns casos, chega a aburrir.

Pero, volvendo á realidade municipal, o certo é que o mandato de Jesús Vázquez está a ser o mandato do conto, da inacción, da falla de política, e iso é unha grande perda de tempo para a cidade das Burgas. Está a ser o mandato das declaracións paternalistas que non mancan pero que non resolven nada. Todas son xustificacións ou se o prefiren postureo e iso si, moitas fotos nas redes sociais e nos medios. Todo unha fantasía para pasar o tempo e entreter a xente. Todo unha fantasía virtual para facer que se fai sen facer ren.

En fin, que de seguir o relato do goberno do Concello, ate podermos crer que a pólvora inventouse no barrio do Polvorín en Ourense. E, se seguimos sendo uns inxenuos, podemos maxinar que a instalación dunhas tirolinas para pasar o Miño será a solución para todas as nosas reivindicacións e problemas. E se funcionan. ate podemos poñer outras dende o Montealegre ate o Seminario, pois os demais asuntos e reivindicación non existen e polo tanto non se precisan. Total, cada día somos menos habitantes na cidade. Polo tanto, aplaudamos mentres seguimos esmorecendo que o noso alcalde, falar fala moito e ben, pero non resolve nada de nada.

Te puede interesar