Opinión

Quen é quen no nacionalismo

Posiblemente dende agora en adiante o panorama político no nacionalismo galego empece a clarificarse un chisco máis. Polo que en nada me decepciona o resultado da última asemblea do BNG. Era o esperado. Se acaso, o que me parece máis salientable son dúas ou tres cuestións. A primeira é que por esta vez é un membro da UPG o que acepta un reto que, dende hai un tempo, sempre ocuparon persoas que non pertencían a esta formación política que, dito sexa de paso, nunca concurriu co seu nome a unha convocatoria electoral, pero sempre actuou como o grupo que gardaba o cumplimento das esencias ideolóxicas e, ó fin e o cabo, era a que gobernaba na fronte.

Isto que pode parecer unha cousa pouco importante ten o seu aquel, pois de agora en adiante, se hai éxito, todo ben, pero se hai fracaso haberá que sacrificar e cargarse a unha persoa e un equipo que pertence ó grupo. Polo tanto, a cuestión non é como antes, pois hai que machacar a compañeiros e compañeiras da U.

A segunda cuestión, que me chama a atención, está relacionada coas persoas que esperaban que no BNG houbera unha apertura ideolóxica e a aceptación da realidade galega tal como é para traballar nela e ter mellores resultados. Neste senso lembro conversas que tiven con persoas que agora están decepcionadas e deixan o Bloque. Dicíalles, daquela que a cerrazón ideolóxica, o control de determinados membros, impedía que a fronte evolucionara políticamente para converterse nun partido dinámico, pois a táctica dos partidos neocomunistas sempre foi a mesma: facer frontes, aglutinar grupos e xentes diversas e dirixilas dende a sombra. Exemplos hai moitos, pero no Estado temos un, que é EU, onde baixo corda sempre esta agochado o PCE, Partido Comunista de España.

A terceira das novidades é que non vexo aliados para seguir mantendo unha estrutura frontista, sobre todo con este nome, pois fronte a quén están? Fronte a grande maioría social desta terra que opta por outras expresións políticas? Entendo que haberá que crear grupos ou recurrir á marxinalidade de agrupacións independentistas para seguir con tal denominación.

E a derradeira é que todos os que intentaron nalgún momento mudar o BNG dende dentro, empezando por Quintana, ficaron fora ou quedaron marxinados cun papel irrelevante. Aínda que Quin quedou dentro, os nominados como quintanistas saímos fora buscando outras formas de expresión política.

Conclusión: pode que pareza algo contaditorio, pero creo que non o é, pois a postura democrática e lexítima que decidiu a militancia do Bolque clarifica o panorama político do nacionalismo galego. E a estas alturas, o nacionalismo e o galeguismo camiñan cara unha simplificación que debera concretarse en dúas ofertas nidiamente galegas. Unha, a fronte mencionada. E outra, o que poida xurdir arredor de Compromiso e a ideoloxía socialdemócrata. Veremos, dentro dun curto espazo de tempo, que fan as xentes que non están dacordo coa liña maioritaria que tomou o Bloque. Por outra parte, da coalición En Marea pouco podemos esperar, dado que está actuando como unha franquicia de Podemos e, máis cedo que tarde, terá que tomar un camiño propio ou enfrontarse a serios conflitos. Con todo o dito, e deixando claro que non comparto o camiño do Bloque, un desexo: que teñan sorte na nova andaina.

Te puede interesar