Opinión

Os reis traen eleccións

Case a piques de rematar o Nadal, chegou a auga e fuxiu un tempo que máis parecía de primavera que de inverno. E con el veu a choiva que trae un ritmo de saudade. As festas do Nadal son moi propensas á lembranza de tempos pasados que traen consigo moitos recordos. Nelas sempre nos mentamos ós que partiron para outros lares e tamén ós que finaron. Mais cando xa están case rematando esperamos, como se fósemos nenos, un agasallo dos Reis Magos e a empezar outro ciclo, pois o Entroido, que ven baixo, chegará chamando á primavera.

Pero neste tempo de incertezas, os Reis, ademais dos xoguetes para os máis cativos, cousa obrigada, parece que nos traerán novas eleccións. De non mudar dunha maneira súbita o asunto, alá cara abril teremos que votar de novo. Admito que non teño gañas de facelo, pero xa veremos.

O fin do bipartidismo, á espera de que o panorama político entre na racionalidade e poña por diante dos intereses partidarios os dos cidadáns, trouxo o ternos que acomodar a unha nova situación política e a empezar a interiorizar que a cultura do pacto entre distintos ten o seu aquel positivo pero hai que poñela en práctica sen medo.

Primerio haberá que ver como se suaviza o lío catalán. E para iso non estaría mal que todas as formacións políticas, as centralistas e as da terra, analizaran as razóns polas que se chegou a esta situación un tanto complexa. Pois non só é culpa dunha parte, ou sexa, dos cataláns. Pero se todos os equipos que están en competición parten do principio de que son os únicos donos absolutos da verdade, pouco hai que facer. E para iso hai que partir de que existen cuestións que nos unen, pero tamén cuestións lexítimas que non son aceptadas polos cidadáns de distintas partes do Estado. E hai que escoitalas e buscarlle solución falando. A diversidade e as aspiracións dos grupos sociais non pode estar sometida a maioría numérica do conxunto do Estado á que tantas veces se alude. É posible que nos próximos días vexamos movementos no taboleiro da política que nos indicarán como se move o asunto. Pois se a lexislación o permite, ate pode que se opte por esperar a ver como se resolve o puzzle catalán, dado que, por lei, se hai novas eleccións para os dous gobernos teñen que votar os primeiros antes co resto do Estado. Sempre no caso de non haber acordo para conformar unha maioría que sustente un Goberno en Madrid.

En fin, como o tempo está moi gris e un tanto incerto tanto no meteorolóxico como na política, esperemos algún agasallo dos Reis e vexamos se escampa e o panorama se aclara. Mentres, que Melchor, Gaspar e Baltasar nos deixen algún agasallo. Eu como aínda non perdín a ilusión, voulle deixar o zapato no corredor da casa, como cando era neno.

Te puede interesar