A rutina do Nadal

A rutina do Nadal

Sempre estamos presos do calendario. As datas marcan a nosa existencia vital. Pero especialmente nunhas  moi concretas  este feito é moito máis visible, pois unhas festas por teren un vincallo  moi forte coa economía, anúncianse  máis  cedo e dende o comenzo do mes de decembro  xa empezan as luces e demais parafernalias  a falar do Nadal. Esta xeira empeza coa promoción da lotería, xogo que ten como principal aliciente o soño de que nos toquen uns miles de euros. Logo síguelle o popularmente chamado día da saúde. Pois, despois de non acadar ningún premio,  todos desexamos e pedimos saúde para seguir vivindo.

E chega  o Nadal e con el  veñen as felicitacións virtuais, as cales desprazaron aquelas feitas de puño e letra.  Pois a tecnoloxía así o permite. Polo que compartimos vídeos e todo tipo felicitacións cargadas de bos desexos. Despois da cea da noite boa, temos que darlle os cativos algún agasallo pois deixounos algo  o Apalpador, e  e repartimos tamén  o amigo invisible.

O día seguinte  imos a algún concerto de panxoliñas e escoitamos os mesmos ou semellantes cantos  co ano anterior. Pasada o vinte e cinco,  xa estamos no día das pegotas. Así os xornais camuflan algunha trola para facernos cavilar. E nós colocámoslle algunha inocentada a algún familiar ou amigo.

Logo  chegamos á despedida do ano. E, vestidos de mil formas, ceamos, cantamos  e tragamos  as uvas e, a bailar ata as tantas.  Despois,  ó remate da festa,  dormirmos  a  mona.

Felicitación e bos desexos para o ano entrante, mentres na tele soan os valses de Estraus ou a marcha Radeski.  A continuación, aínda medio aparvados da resaca, a xantar coa familia estamos no día primeiro de ano. Logo   a esperar que cheguen os reis pois,  sabedores de  que son pura ficción,  sempre  esperaramos  algún agasallo que nos  dé ánimos para seguir afrontando un ano que se amosa un tanto  escuro  e cheo de incertezas; un ano  dado que  a pesares do que nos din dende a oficialidade e o poder e  do que nos contan reiteradamente en  moitos faladoiros,   a crise económica  aínda non se superou e percíbese un futuro inseguro no que os recortes seguirán machacando ás nosas xa febles economías para cumprir cos compromisos con Bruxelas.

Con todo,  como somos seres de normas e costumes,  sempre estamos presos do calendario. E parece que precisamos do mesmo para pórlle  sentido a nosa existencia, aínda que só sexa no orde económico e  social. Pois, o Nadal xa hai tempo que perdeu parte da súa espiritualidade e tamén o  engado que tivo cando eramos máis novos. Pero non queda outra que conformarse e seguir a roda da rutina pois é o tempo que nos tocou vivir.

Feliz ano 2017