Opinión

A soidade dos púlpitos

Non está na miña intención ferir nin atacar a ninguén. Tampouco espero ter a razón absoluta. Pero despois de escoitar algo semellante a un laio que, dende unha casa de paz como é a igrexa, lanzaba un crego, resístome a non opinar públicamente dado que o tempo da Coresma é propicio para facelo. 

Un crego, durante a prédica dunha misa, laiábase de que, conforme o Entroido tiña moita resonancia na prensa, o Mércores de Cinza que abría a Coresma pasara na nosa sociedade totalmente desapercibido, e sobre todo non tivera, como hai anos, tanta asistencia para recibir e escoitar aquelo que dicía: “Acórdate de que po es e en po te converterás”.

Esta queixa ven demostrar que a relixión vive tempos de fonda crise. Os avances da ciencia, a non adaptacións ós tempos, as incoherencias nas que vive a Igrexa e a desconexión coa xuventude están no fondo dunha situación que vai camiño de facerse crónica. 

Claro que non hai comparación do que acontece a día de hoxe co que acontecía hai corenta anos atrás. Posiblemente, a situación actual derívase da crenza de que as sociedades non mudan; e que os seus principios éticos e morais son inamovibles; que os modelos de familia non evolucionan; que a cantidade de abusos referidos a sexualidade e outras lindezas non ían saír á luz nunca e unha longa lista de pequenas e grandes cousas. 

Mais todo evoluciona. E a nosa forma de vivir e crer tamén. Por iso que, despois de pasados moitos anos da chegada a democracia, aínda a Igrexa parece seguir pensando nun tempo pasado, cando o Estado era confesional e esta institución relixiosa o era case todo. Pero co que leva chovido, a Igrexa nosa aínda non pediu desculpas por amparar a unha ditadura que lle deu canto pedía, por levar ó “Caudillo pola gracia de Deus” baixo palio. Xa sei que hai moitos anos que pasou, pero a xente ten memoria e esas cousas transmítense de pais a fillos.

Os seres humanos crearon as sociedades e, dun mínimo consenso, naceron normas. Polo tanto son os grupos de humanos os que crean a norma e aceptan unha ética que logo se reflexa nunha moral determinada. E a Igrexa actual pensou, e creo que aínda pensa parte dela, que esa moral que había hai sesenta anos vale para hoxe. Craso error.

Posiblemente son moitas e diversas as causas as que axudan a que a Igrexa actual toda ela moi envellecida se atope nun momento de soidade. Os tempos son outros e a xente racha tópicos, perde complexos, acepta novos modelos de convivencia. E se iso non se entende, e non se adapta a linguaxe nin as formas dos novos tempos, pouco hai que facer. Ben sei que as relixións réxense por cuestións de dogmas que, aínda que son interpretativos, son difíciles de modificar. O Papa abriu o debate sobre o futuro dos curas casados. E nestes días salta á palestra outro debate que cuestiona a misa na tele que pagamos todos. E é que non queda outra: ou mover ficha para adaptarse ós tempos actuais derrubando portas para que ós curas casados e as mulleres poidan exercer, ou a vivir nunha soidade que se agranda día a día. 

E por iso os laios de moitos cregos dende o púlpito.

Te puede interesar