Tempo bo e tempo malo

Tempo bo e tempo malo

Dende os anos sesenta do século pasado, cando o retranqueiro Sr. Arturo, alcumado o Farranchán, con moita sorna falaba do tempo porque lle preguntaban os veciños, moito cambiaron as cousas. Atrás quedaron os días nos que en case todas as casas había un calendario a modo de libriño ou un taco no que, ademais dos días, santoral, festas e refráns, anunciaba o tempo que teríamos durante o ano en curso. Pero os tempos mudan, e a medida que a nosa sociedade evolucionou partindo do sector primario cara ao sector servizos e industrial, todo foi distinto e moito máis complexo. Agora falar do tempo parece que é algo semellante a contrapor dous termos antagónicos anos atrás inexistentes: o bo e o malo.

Agora xa non vale preguntarlle a quen supostamente entende do asunto, pois recibimos a información precisa por moitos medios. E aquelo de preguntar que tempo haberá mañá? e esperar unha resposta, despois de mirar cara o ceo, xa pasou de moda.

Vivimos, dito sexa de paso, no tempo dos satélites e, incluso, con demasiada insistencia, anúnciasenos que mañá a temperatura baixará ou subirá un grao. Así, ben informados, sabemos a roupa que temos que poñer ou se levar ou non paraugas. Mais, o que me chama a atención nestes anos de tanta técnica e modernidade é o concepto do que se entende por bo tempo. A medida que a vida vinculada ao sector primario perdeu folgos e tomaron corpo outros sectores, incluíndo o turístico, o que se entende por bo ou malo tamén mudou. Por iso, agora considérase tempo bo cando non chove e mellor se fai unha temperatura case de verán. Esquecendo, ilusos de nós, que tamén é preciso que chova e que cando iso acontece tamén é bo tempo.

Trocou o que entendemos por bo tempo. Impuxéronos un concepto novo artellado soamente para favorecer ás empresas turísticas e de ocio, esquecendo o sector primario e o que produce a terra, que é o soporte principal da nosa economía. Agora, visitar o rural todo en ermo parece máis un modelo de diversión que velo como un elemento produtivo para a sociedade. Agora, todo parece distinto e non nos decatamos de que estamos errados ate que veñen uns meses sen chover e os nosos regatos van secos, os encoros están en mínimos e a natureza resíntese. Agora, cando a grande maioría defínese como ecoloxista e fala e fala, pero soamente ve o sector primario como se fose exclusivamente un lugar para excursións e diversión, xurden moitas preguntas que hoxe carecen dunha resposta convincente.

En fin, todo muda, e como vivimos nesa voráxine publicitaria ate pensamos que se chove temos un tempo moi malo. Por iso sería bo que entendéramos que a terra sen auga porá en moitas dificultades e perigos a nosa existencia e que é preciso que chova e, porque así sexa, non hai que falar de mal tempo.

Cando vivía o sr. Arturo, el coas súas parrafadas e retranca falaba do tempo e todo o mundo entendía que o tempo tamén era bo cando chovía mainamente dez ou quince días seguidos. Os regatos tiñan que rebordar e cantar. Agora se chove un par de días, xa estamos aburridos e falamos de mal tempo. Que errados vivimos.