Opinión

Tempo de balances

Cando estamos a piques de rematar o ano, todo o mundo fai balance a modo de resumo de como foron os 365 días. Máis como iso é un asunto tan persoal será mellor deixalo para que cada cada quen faga o seu. Polo que, hoxe toca falar do que atinxe a todos; toca falar da cousa pública.

E facendo unha síntese direi que, o ano que pecha, resulta ser o ano gris- escuro; un ano de moi escasas realizacións materiais e tamén un ano cheo de tensións políticas. Pois nada salientable hai que sinalar. A non ser que demos como positivas as incertidumes, tensións acumuladas, o cansanzo de certos asuntos que soamente traen crispación.
Dixen que foi un ano gris e empezarei polo concello de Ourense, concello onde todo morre no tempo, diante a pasividade dun rexidor máis preocupado por estar na poltrona que de arriscar e mollarse por resolver os problemas da veciñanza. Xa o dixo un concelleiro do equipo de goberno: arriscamos pouco. Polo tanto, rematamos un ciclo de catro anos no que nada de nada salientabel hai para amosar. Si acaso o desleixo no que caeu todo o público que é responsabilidade do Concello. Pero, o máis malo é que con tales bimbios, digo persoeiros ou cabezas de lista, seica se vai a facer a nova corporación que saírá da eleccións do ano 2019. Polo tanto, si en catro que non foron capaces de poñerse dacordo nos temas máis importantes que precisan un amplo consenso, que podemos esperar para despois de xuño? Pois ren.

Se falamos da provincia, a Deputación tamén pode quitar peito. Todo camiña cara a merma e o decaemento deste Ourense. Encollemos en xente e como consecuencia en servizos. Iso sí, os deputados cobran por asistir a comisións que non se fan. E iso chámase eficacia e bo goberno. 

Seguindo con outras institucións, o goberno da Xunta pasa de gris a escuro. Iba ser o ano, mellor dito, a lexislatura do rural e do sector primario. E xa vedes todo quedou nun retrouso repetido como un mantra. O único cambio foi que, dende que goberna o señor Sánchez en Madrid, reclaman o que antes non fixeron eles. Por iso, o que antes se silenciaba diante o goberno de Rajoy, agora reclámase con certa presa para facer o paripé diante a xente.

Xa entrando no que acontece a nivel de Estado, o que máis me chama a atención é o xiro dado polos populares. Pois ó perder o goberno, pasaron de ser de centro a ubicarse na dereita case extrema e pretenden monopolizar o concepto de España. Deste xeito, Casado, poñéndolle voz ós consellos de Aznar, lanza exabruptos como: golpista e traidor a España. Chámalle o presidente ocupa que se pon fora da constitución. Ademais iso de falar cos adversarios políticos é unha humillación. Liguaxe prepotente e guerreiro para achegarse ós que falan de Reconquista. E os problemas da xente como o paro, a vivenda, a carestía da vida, os soldos, a reforma laboral pouco importan.
Triste haber deixa iste ano que fenece. Tristeiro tempo que esquece falar dos problemas da xente. A linguaxe soamente se fala de traizóns, patrias e golpismo.
En fin, un ano gris e escuro, onde o radicalismo gaña espazo e o dialogo está pouco menos que proscrito. Ise é o balance do 2018.

Te puede interesar