Opinión

Tempo de mudanzas

O peso dos anos sempre deixa sinais que van máis alá do físico. A vida, que é unha lección de aprendizaxe permanente, vainos modelando, pois a complexa realidade na que vivimos e o paso do tempo axudan a reflexionar e ver as cousas con menos paixón que cando se é mozo. E iso damos perspectivas que, maiormente, obríganos a ser moito máis pragmáticos, e polo tanto non estar tan absortos unicamente por unha ideoloxía que, ás veces, domínao todo.

Nestes días aparecen persoeiros que na vida pública tiveron responsabilidades políticas, algunhas importantes, e que agora, non sei se por vocación ou por outros motivos ben agochados, precisan estar na palestra e mudan de partido, como se cambiasen de chaqueta. Pode ser que, como nas formacións políticas nas que estaban xa non ven futuro ou non lles dan o que querían, andan a buscar acubillo noutras siglas. O ser humano, aínda que non o pareza, está en constante evolución física e tamén mental. Pero tamén, o ser humano, dalle moitas voltas ó caletre con tal de seguir no machiño, ou neses recunchos que lle dan poder, preponderancia social e algúns emprego.

Estamos á porta de dous procesos electorais e, neste momento, todo é posibel cos nomes que, sobor de todo para as municipais, van saído á luz. Uns eran e agora son de tal formación e decátanse, despois de moitos anos, que non lles vale e argumentan que non funciona nin goberna. Con todo, o maior movemento está a darse nas listas dos partidos conservadores. Formacións nas que o trasvase e a perda de votos parece moito máis previsibel. 

Mais na chamada esquerda, o asunto tampouco está moi tranquilo. A convocatoria das xerais deulle ó proceso moita máis emoción e tamén incertidume. Pois no mundo galego a ruptura e o desacordo impiden unha lista galega única para as xerais, lista que sería moi positiva para esta terra. Dado que ter voces independentes na Cortes Xerais marcaría un fito importante para poñer os nosos problemas enriba da mesa onde se toman as decisións. O certo é que no mundo do nacionalismo galego haberá polo menos dúas opcións: a do BNG, e a da Marea, claro, xunto as demais ofertas dos partidos estatais nas que entra Podemos e Anova, polo que acadar representación propia nas Cortes será moi difícil.

A verdade é que o panorama político para as dúas convocatorias parece un tanto incerto. Pois o espazo político está en pleno movemento; está a sufrir unha certa convulsión, ben pola aparición de forzas novas, ou pola disputa de espazos e as leas internas nas formacións. E desa incertidume é de onde parten as mudanzas e saltos buscando acubillo para aqueles que queren servir a comunidade ou que teñen unha ambición desmesurada e buscan na política un medio cómodo de vida.

En fin, estamos no tempos dos trocos partidarios o que implica para os electores tentar distinguir quen vai a traballar polo común ou a vivir exclusivamente da política. Distinguir o grao da palla non é sinxelo. Estamos no tempo das reubicacións e onde todo é xustificabel, pois sempre se fai “porque se quere traballar pola comunidade e pola xente”. Veremos canto hai de certo nese dito.

Te puede interesar