Opinión

Tempo de parrafeo

A pesares dos atentados terroristas habidos e das arrepiantes mortes de mulleres vítimas do machismo que acontecen a cotio; a pesares das guerras e das migracións forzadas; a pesares das imaxes duras e sanguentas que vemos día si e outro tamén; a pesares de todos os asuntos que traen tristura e pena, a vida continúa. E neste tempo de Nadal e fin de ano, sempre foi data para lembrar e analizar os doce meses que deixamos atrás; tamén en pensar que nos deparará o novo ano. E a este exercicio na Vila e Couto de Seixalbo, con moita retranca polo medio, chamáronlle hai moitos anos o Parrafeo.

Herdámolo dos nosos antergos, pois eles o 31 de decembro, con esta verba que anima á mofa e en clave humor, falaban do acontecido e pedíanlle cousas ó ano novo que estaba a piques de comenzar. O parrafeo practicouse tamén durante moitos anos nas familias e tratando asuntos locais publicamente entre os veciños. Claro, sempre aténdose ás limitacións da censura que indicaba o que se podía falar e o que estaba prohibido.

Pero agora que vivimos no mundo da tecnoloxía da comunicación, no tempo no que o individualismo desmedido campa as súas anchas, acontece que xa non hai parrafeos, ou se queren, non se practica a xuntanza para facer balance e pedirlle algo ó futuro. Tampouco hai conversas onde se debatan e contrapoñan ideas. Agora chateamos e temos milleiros de amigos nas redes sociais, pero logo, o velos na rúa, nin os recoñecemos e menos lle falamos. Polo que un pensa que todo isto do chateo e de darlle o gústame é un asunto artificioso e baleiro de contido. Pero está de moda e os rapaces que están a uns metros de distancia fálanse escribindo mensaxes, e non empregando a palabra oralmente. En fin, camiñamos cara un mundo un tanto supeditado e narcotizado pola dependencia do plasma, do virtual; camiñamos cara unha sociedade que non fala en grupo, non analiza nin reflexiona. E paso a paso, camiñamos cara unha sociedade un tanto individualista e deshumanizada, un tanto seducida pola tecnoloxía, ou si se quere, un tanto aparvada.

Nantronte, despois de escoitar un concerto de panxoliñas, estaba a felicitar a varios membros dunha das corais participantes. Gustárame moito a actuación do grupo Capela Madrigalista. E unha persoa dirixiuse a min e díxome “como estás Herminio?” Respondinlle “ben, existo e non me queixo”. Respondeume dunha maneira cartesiana: “pois si existes é porque pensas -e seguiu-, porque hoxe a xente non pensa, vive de presa e non ten tempo para pensar nin reparar no mundo en que vive, e menos na forma en que vive”.

Matinei no dito e concluín: sempre é positivo ó pechar un ciclo valorar o acontecido; convén pararse a pensar e sobre todo neste tempo de Nadal cando as familias conviven xuntas e comparten recordos e feitos pasados.

Durante un ano pasan miles de cousas, moitas ruíns e escabrosas, algunhas positivas; pasan milleiros de acontecementos, que moitas veces distraen a nosa atención, e nós como camiñamos tan a presa que nin nos decatamos de si son boas, regulares ou ruíns. Aceptámolas e punto. De si nos manipulan e xogan con nós ou se merecen a pena. Podémoslle chamar como queiramos, pero é necesario facer balance do que fenece e intuír, na medida do posible, o que ven. É necesario parrafear pois sempre é positivo. En fin, esquecíame, pois en Agromadas si haberá parrafeo, será o 30 ás 20.30 horas.

Feliz Nadal para todos.

Te puede interesar