Opinión

Tempo de unidade

Falaron os cataláns e fixérono cunha participación moi alta. Os resultados indican dúas caras contrapostas. Primeiro: o independentismo non acadou superar o 50%. E segundo: a maioría dos cataláns ansían que se lle recoñezan uns dereitos e blindaxes políticos e económicos que hoxe a Constitución non permite.

As demais lecturas que se quiten son partidarias e teñen a súa propia lectura. A primeira é que non toda suma de siglas asegura mellores resultados; a segunda é que os populares camiñan por un vieiro errado e nada teñen que facer pois non saben escoitar ós cidadáns desa terra. E a terceira é que nace unha forza nova na dereita que racha, en certa medida, coa visión rancia e o monopolio dos populares de España.

Polo tanto, despois destra consulta chegou o momento da reflexión e, posiblemente despois das xerais de novembro ou decembro, abrir un diálogo serio e responsable para adaptar a Carta Magna ós novos tempos. Claro, esquecendo o chamado café para todos, e centrándose nas reivindicacións das ate agora chamadas tres nacionalidades históricas. Ese será, non o único, pero un dos problemas que ven arrastrándose dende antes da segunda república o que hai que darlle un encaixe para trinta ou corenta anos máis. Pois en política nada hai inmutable e duradeiro. A táctica de mirar para outro lado, ou falar de “... se va a acabar la broma de Cataluña”, como fixo algún candidato popular, é unha irresponsabilidade que agora se paga.

E que conclusións se poden quitar para Galicia? Pois, o primeiro que atopo é que cada nacionalidade ten o seu tempo e a súa dinámica. Polo tanto, neste noroeste hai cousas que non se deben nin mentar. Refírome as reivindicacións utópicas como a de grupos radicais que non veñen a lugar. Penso que falar de independencia e de autodeterminación é perder o tempo. Sexamos logo pragmáticos, dado que a grande maioría dos galegos non son arredistas nin queren vivir fora do Estado. Urxe, para estar á altura dos tempos que se anuncian e mellorar no posible o autogoberno e mesmo o recoñecemento político, rachar tópicos e non poñer chatas que freen a unión.

É, polo tanto, a hora de elaborar un programa de mínimos que una a todos os galeguistas, nacionalistas e progresistas e presentar unha candidatura única que teña como meta a creación dun grupo parlamentario nas cortes xerais que leve a cabo obxectivos que fagan posible unha sociedade mellor en todos os aspectos sociais, e preserve a nosa cultura e identidade. E atrévome a poñer algunhas reivindicacións sobre o tapete, sei que hai moitas máis, estas son: blindaxe de competencias, entre elas educación; que as empresas que operan nesta terra, pero que teñen o seu domicilio fiscal fora dela, coticen a parte correspondente á labor que desenvolven en Galicia. Melloras económicas pola produción eléctrica; recoñecemento político como nacionalidade. Defensa dos servizos públicos como a sanidade e a educación, etc.

O tempo apura e compre pasar das reivindicacións utópicas; pasar da idea idílica de país que moitos teñen na cabeza; pasar a querer transformar á realidade social e política na que vivimos. E como chegou o momento da unidade de acción, todos terán que facer un esforzo. Os cataláns falaron nas eleccións e deixaron claro, moi claro, que o marco constitucional non lles vale. Deixaron claro que a vontade dun pobo pesa moito politicamente e que, estes problemas non se solucionan coa xustiza. Deixaron claro que, queren gobernar a súa terra. Polo tanto, é o momento da unidade de acción política e táctica, como galegos, en base o que nos une e non o que nos separa.

Te puede interesar