Tempos de incertidume

Tempos de incertidume

No tempo do estío, como ven sendo habitual, as actividades lúdicas e festivas ocupan moitos dos nosos días. Festas romarías e cantidade de eventos moi diversos brotan por toda a xeografía, especialmente a galega. Estamos no verán e tempo de desfrutar, de estar á sombra dunha carballeira ou paseando pola praia. Os foguetes anuncian a festa en louvanza de tal o cal santo. E todo é ledicia e troula.

As novas da política pasan a un segundo plano e todos, dun xeito ou doutro, dámonos un respiro. Mais este ano, parece que non vai ser totalmente así. Atrás quedaron os resultados do 26 de xuño e aínda que parece que as cousas tornaron máis positivas para os populares e eles están máis preto de formar un goberno, acadar os votos necesarios para investir ó Sr, Rajoy non parece unha tarefa moi sinxela. E fago esta afirmación pois case ninguén quere cargar coa pesada mochila de darlle lustre a un goberno presidido por quen ten un pasado con moitos asuntos escuros no seu partido e no executivo. Claro que, se despois das primeiras eleccións non fixo nada por modelar o seu posicionamento, pois non estaba disposto a tocar nada das súas reformas, agora se quere ser presidente non lle queda outra que aceptar negociar e sacrificar moitos dos seus peóns e das reformas que fixo. E se non ó tempo.

Estamos nun tempo de incertidume política e nada está claro. Nada parece certo, pois circulan moitas mentiras, cóntannos moitas trolas e dulcifícanse moitas malas novas. Nada é previsible e pouco se pode garantir a curto prazo. Ademais, ó anterior hai que sumarlle un certo desasosego que se percibe na poboación, pois son moitos cidadáns os que intúen un futuro no económico un tanto escuro. A nova de que neste país envellecido houbo que volver a sacar un bo fardo de miles de millóns para o pago da extra ós pensionistas, aumenta máis a desconfianza; xa ninguén discute que o sistema pode facer auga en poucos anos. E aínda que as campás alardeen e o Goberno as repenique dicindo que todo vai ben, todos presentimos que a nosa economía marcha mal, que non se crea emprego e que todo o que se nos conta é unha fantasía ilusoria. Ter que retirar 8.000 millóns de euros da caixa da Seguridade Social, xa se sabía antes das segundas eleccións, pero ninguén do equipo de Mariano o quería dicir, polo que o asunto sona a ocultación electoral premeditada.

En fin, estamos de novo diante un dilema serio, o que hai que sumarlle o proceso electoral galego e saber se as chamadas mareas teñen un candidato que una e dea ilusión a todos os galegos. Con todo, a pregunta que máis ronda é se haberá cintura política para ceder e buscar acordos, primeiro quen non ten a maioría para gobernar, e segundo comprobar si os grupos da oposición son capaces de chegar a consensuar naquelas cuestións que son básicas para que o Estado funcione e atenda ós principais problemas que demanda a cidadanía.

Este verán é un tempo de incertidume, pois son moitas as cousas que están por resolver e arranxar.