Opinión

Ter fillos en común

Son dos que penso que o mundo é diverso; que os occidentais non somos os donos da verdade absoluta; que hai moitas formas e modelos de relacionarse e crear unha familia; que calquera forma de vida, doutrina política, relixiosa ou filosofía levada ó pe da letra crea fanatismos que poden ser perigosos para vivir dentro da normalidade e da razón.

Con todo, e feitas estas aseveracións, e respectando as diversas opinións, chamoume a atención o que dixo a representante da CUP Ánna Gabriel hai uns días. Se mal non lembro veu a dicir que lle gustaría ter fillos en común pois o vínculo familiar e de pertenza do fillo biolóxico converte ás persoas en conservadoras. Tal afirmación tróuxome á memoria un par de historias. A primeira aconteceu polos anos 70 do século pasado. Unha profesora dun colexio que andaba camiño da separación matrimonial, non sei se nun desafogo díxome: a familia é un invento capitalista, e outros adxectivos como o de machista e algo máis. Contesteille que pode que tivera razón nalgún caso, pero se a familia fracasa e se elimina como tal, cal sería a oferta e o modelo que podería sustituila? Non me respostou. Mais eu pensei na comuna, na poligamia, na tribu, etc. Pasados uns anos, a referida señora superou o trance do fracasado matrimonio e refixo a súa vida. Logo falei con ela e resultou que pasada a mala racha dos tempos mozos, tiña outra parella e familia, e nela estaba asentada. Evidentemente non lle preguntei nin lle lembrei a conversa. Pero si reflexionei sobre as etapas da vida.

A segunda historia témola viva en varios pobos e aldeas da nosa terra. Non trata de persoas pero ate podería valer de exemplo. En moitos lugares sigue viva a tradición de que na vida hai moitas cousas e feitos que lembran a vida comunitaria. Quen non recorda os traballos e facetas como a vendima que se facían colaborando todos en boa vecindade? Posiblemente desas sociedades onde a axuda mutua tiña raigame quedaron reminiscencias daquelo que era de todos. E aínda hoxe nalgúns lugares mantense viva a tradición de criar un porquiño en común. Si un porco que anda polas rúas e que os veciños manteñen para despois, chegado o día, matalo e comelo no medio da festa. O porco non é de ninguén pois é do común, e ven a ser como un elemento da sociedade que non ten proxenitor nin dono.

Por iso o de ter fillos en común sóame un tanto poligámico ou algo que por estes lares é moi raro e pertence ós tempos da tribu, e que leva consigo algo semellante a despersoalización e perda de raigame e identidade.

Xa sei que hai que socializar os fillos, ensinarlle o valor das cousas en comunidade; facerlle comprender que o individualismo levado ó extremo é pernicioso e negativo para a sociedade. Que hai que colaborar nos proxectos da colectividade, etc. Pero o de ter fillos en común resúltame un chisco raro e algo pertencente a sociedades sectarias ou moi atrasadas; sociedades hoxe superadas polo tempo.

Pode que eu pareza antigo, non sei. Pero para min a familia segue a ser unha columna básica da nosa sociedade. Por iso, repectando a liberdade individual, non me cadra o de ter fillos para que perdan ás referencias dos seus pais. E non vexo outro modelo mellor co da familia tal como hoxe é maioritaria e a entendemos. Ademais, que norma e forma de vida nos propón un novo modelo? Que filosofía pode impedir a forza do cariño dos pais ós fillos? Impedir que os descendentes directos se lles prive de vivir, coñecer e encariñarse cos seus pais é algo que entendo como antinatural. Quen mellor cós pais e nais para transmitir valores, aconsellar e compartir cos descendentes nos diferentes momentos da vida?

Ben sei que no fragor da xuventude un pode ter ideas que ate parecen revolucionarias e que outros chaman modernas e progresistas. Pero, xa quixera ver a esa xente que agora di o que di, cando logo dun tempo lle veña a maduración e o peso dos anos. Posiblemente mude de forma de pensar.

Te puede interesar