Un crego cos pes na terra

Un crego cos pes na terra

Non sei cal será a razón pola que sempre admirei ás persoas que traballan para servir desinteresadamente ós demais. O certo é que pra min, estes homes e mulleres sempre foron referentes a seguir. Guieiros nesta vida na que camiñamos, ás veces, con moitas contrariedades.

Fixo un ano, no mes de maio, cando tiven a oportunidade de asistir a unha homenaxe no concello de Parada de Sil. Homenaxe que lle fixeron a don Emilio Graña, persoa adicada en corpo e alma ó ensino, que amaba esta terra e que sufrira tamén nas súas carnes a represión por defender a divulgación e o coñecemento do noso idioma e a cultura galega entre os seus alumnos no Colexio dos Milagres. Foi un acto cheo de emotividade e moi fermoso. E, segundo o convite que chegou ás miñas máns, o vindeiro 16 de xuño o Concello de Vilar de Santos homenaxeará pola súa xubilación ó crego Miguel Fernández Grande. Nin que dicir que é unha homenaxe ben merecida por toda unha vida adicada á servir os demais nas terras da Limia, onde este senlleiro personaxe chegou por orde do bispo Temiño a modo de represalia. 

Don Miguel, oriundo de Vilar de Barrio, dende que chegou as terras da Limia foi un traballador incansable, non so por ser un guía espiritual se non porque púxose á altura dos seus fregueses, traballou con eles e, vendo a realidade política e de precariedade social da zona, uniu á xente de diversas formas de ver e pensar e axudou a mudar a vida do concello. Home sinxelo, foi o alma mater para trocar unhas estruturas políticas que, dende aquela, son a envexa de moitos concellos da provincia e alén dela. Home de fe, que despois dos seus estudos en Ourense e na Universidade de Comillas estaba destinado para voar e chegar moi lonxe dentro da institución eclesiástica, pero ó toparse coa realidade da súa terra, comprendeu a súa problemática e achegouse a xente a traveso da fala, da cordialidade e proximidade para traballar e ser un máis desas persoas que viven no rural galego.

A súa forma de implicarse coa realidade social e cultural, o seu compromiso na forma de ver e actuar na relixión, xunto con outros cregos (Vixilio e Xosé Benito) daquela destinados en Ribadavia, levounos a sofrir a modo de castigo por parte do bispo ter que deixar a vila do Ribeiro e ir ós tres cregos para parroquias rurais pobres nas terras da Limia. El veu parar á parroquia de Parada de Outeiro, en Vilar de Santos, no ano de 1969. E neste lugar durante eses anos creou vida reivindicativa para mellorar o benestar dos labregos, creou cultura, fixo organizacións de todo tipo e todo buscando o benestar das xentes deste concello da provincia.

Hai máis de vinte anos tiven a oportunidade de compartir con el en varias xuntanzas anuais que facía a coral Agromadas. E percibín unha persoa moi culta, así como discreta, unha persoa que tiña a capacidade de xuntar arredor del á xente, virtude esta que choca moito coa forma de ver a vida de moitos rapaces seminaristas que saen hoxe da institución cunha cadratura de ideas que lles impide ver con claridade a realidade social que eles queren evanxelizar, e que nalgúns destaca pola negación da fala e forma de transmitir as súas crenzas ós fregueses.

En fin, don Miguel, un home bo e xeneroso, un crego exemplar, chegou a súa xubilación. Pois moitos anos de vida para esta persoa que traballou polo común e viviu a fe dende unha visión aberta e tolerante, sempre achegado á realidade desta terra sen desprezar as súas raíces, a súa fala, a súa cultura, en resumo: sempre servindo ós demais.