Un furado no pantalón

Un furado no pantalón

O meu amigo e veciño Carballido dixo que lle mercaron un pantalón vaqueiro que lle traía un pequeno furado e que, o verlle tal defecto, foi onde llo mercaron coa idea de cambialo. Pero aconteceu que a vendedora convenceuno de que a prenda estaba ben, pois agora os vaqueiros levan moitos furados e seica quedan moi chulos, pois é unha tendencia que indica modernidade. Vamos, que son cousas da moda, e nós como bos cidadáns temos que bailar o son que nos indica tal concepto.

O caso é que tal asunto lembroume que a min iso de que se leva ou de que está de moda non me convence moito. Cecais porque son persoa un tanto crítica e un tanto descreída. Por iso, aínda que moitos poidan mesturar moda, modernidade, progresismo e progreso, todos eses conceptos son un tanto enganosos, pois teñen pouco que ver coa comodidade, co bo porte no asunto da vestimenta e con moitas desas cousas que son precisas e indispensables para levar mellor a vida cotiá. 

Teño discutido con algunhas mulleres, pois sempre repiten unha cantinela que a min faime moita gracia. Elas din: “Este ano van levarse os azuis e os roxos”. E pregúntolle: “Quen o dixo?” A resposta sempre é a mesma: “Os da moda”. E sigo preguntando: “E quen son os da moda?”, e dende ese momento remata a conversa dicindo: “Es un pesado!”.

Debo afirmar que sempre entendín que o falar de moda, a relación era de mercar un obxecto que axudaba a mellorar as nosas vidas; que era un avance que nos permitía vivir mellor; que era algo moi necesario, etc. E que a roupa e outros trebellos, denantes de saír o mercado cumprían cos cánones de ergonomía e calidade para mellorar a nosa existencia, ademais de pórnos máis elegantes.

Anos atrás, poño por exemplo, andar cos pantalóns esfiañados, rotos ou remendados era sinónimo de ser “pobre de solemnidade”. Vamos, de vivir na indixencia ou pouco menos. Agora, levar os pantalóns como dixen antes, ou no fondo do cú seica é indicativo de modernidade e sobor de todo de andar á última.

Cada día que pasa vexo con máis claridade que non é así. Pois na maioría dos casos a moda soamente xoga co noso cansanzo, co aburrimento de ver sempre o mesmo; xoga coa nosa psicoloxía, co único obxectivo de facernos ver que pra andar á última hai que mercar cegamente o que uns persoeiros, non sei se iluminados ou gurús, indican. E iso ven deixarnos orfos e sen personalidade propia. 

En fin, o meu amigo sabe moi ben que pra andar á moda hai que consumir acríticamente. E el, que é moi racional, por non levarlle a contraria á da tenda trouxo o pantalón. Mais axiña, coa súa retranca, expresou o seu punto de vista nas redes sociais. En fin, non nos viría mal un chisco de pensamento crítico, para non ser soamente consumidores cegos do que moitos chaman “andar á moda”. Que pra iso temos a liberdade de elixir, de mirar, de sopesar e de mercar con cabeciña. A moda, pois, ten cousas positivas pero outras que non o son tanto.