Uniformidade cultural

Uniformidade cultural

Todos os avances que o ser humano realiza son armas de dobre fío. Teñen polo tanto cousas moi positivas, pero tamén traen elementos que poden ser, cando menos, polémicos, pois quedan suxeitos á maneira de como se empreguen.

Dende os principios deste milenio vense con moita claridade fenómenos que intuíamos que acontecerían, pois a lóxica iso indicaba. Pero ó chegaren, e telos con nós, convertéronse en elementos que condicionan, e non pouco, as nosas vidas. Primeiro foi o grande salto que deron as comunicacións, e como consecuencia dese avance veu a globalización económica; parello a iste fenómeno chega a uniformidade idiomática que avanza cara a un punto de encontro coa potenciación dun idioma mundial sobre os demais; e, para pechar o ciclo, todo camiña cara uniformidade cultural que deixará no esquecemento aquelo que se considere localismo, ou as tradicións vernáculas, incluíndo dentro delas os chamados idiomas minoritarios.

O mesmo camiño levarán as formas de vida e de entender o mundo e a sociedade. Pois, ós ollos de moitos cidadáns, tales tradicións, formas de vida e, en resume, cousas distintas o que se considera o estándar, apareceran como antigas e mesmo fora de lugar. 

Son dos que penso que todo avance que implique progreso ten cousas positivas, pero tamén ten chatas. Mais tamén sei que toda modernidade non necesariamente implica progreso. O certo é que a uniformidade cultural planea sobre nós, e especialmente sobre as chamadas culturas minoritarias alcumadas duramente como localistas polos modernistas que tragan con todo sen seren minimamente críticos. 

E esa forma de ver a vida implica aceptar, sen ningún miramento incluso polos poderes públicos, que o herdado, o que foi unha creación de miles de xeracións debe mudar e adaptarse ós tempos. Claro, faltaba a chata, perdendo signos da personalidade colectiva da comunidade onde reside.

Esta afirmación compróbase en moitas actividades da vida, pero percíbese claramente nas festas das cidades e das vilas. Si, esas festas que antano eran singulares e participadas pola xente, agora por mor da destrución dun tecido cultural propio, xa non o son; agora convertéronse en festas de miróns que tragan con todo o que lle poñen riba dun escenario e que son semellantes a de calquera vila ou lugar desta terra. Búscanse os grupos de éxito do momento e os miróns escoitan, bailan ou no peor dos casos aturan o volume das amplificacións centralizadas e excesivas. Nada salientable e menos que lle dea personalidade a unhas festas repetitivas. A participación activa da sociedade ourensá desapareceu. Agora todos a mirar, escoitar ou aturar. Somos seres pasivos e ata pensarán que incultos. E iso vímolo nas festas da cidade. Nada singular e identitario da cidade. O de sempre. Unhas festas despersonalizadas e sen nada que mereza mención. Pero non nos enganemos, a cousa ven de vello non é de agora.

Ben sei que as sociedades mudan. Tamén que nada pode ser igual que os tempos pasados. Pero, o escaso tecido cultural que hai na cidade cada día é mais pequeno e non participa, non se precisa, nin se considera. Por iso digo que canto máis nos estandaricen como sociedade, máis masa uniforme seremos. En fin: xente sen identidade propia. E logo, detrás diso, vira un colonización moi ben pensada e suave para que deixemos de dar a lata e sigamos os camiños dos que nin están nin se lles espera. E iso é a uniformidade cultural.