Opinión

O vello e o novo

En determinadas datas, sempre aflora o termo vello e novo con máis insistencia do que sería normal. Desta maneira escoitamos, non soamente para referirnos ó ano que remata e o que empeza, falar do vello e do novo, verbas en certa medida contrapostas, que tamén aparecen na relixión, na política e en moitas facetas da nosa vida. Aparecen como se fosen unha necesidade para diferenciar algo e actúan de feito como un reclamo permanente no devagar dos días.

O vello, para ser máis concreto, é aquelo que fenece ou pertence ó pasado, que xa forma parte da historia e ven a ser algo considerado antigo, incluso, retorcendo o termo, pode parecer algo que non vale ren. Pola contra, o novo, entre outras cousas, indica algo que nace, que chega as nosas vidas e trae novidades, pero que tamén trae incertezas e incluso sorpresas que poden ser boas ou malas.

Na relixión fálase con frecuencia do home novo. Mais o ser humano sempre é o mesmo; e en política sobran exemplos. Pero sinalarei o máis usado recentemente: partidos vellos e novos, ou se o prefiren: nova e vella política, aínda que a conclusión á que logo chegamos é que todo ven ser máis do mesmo ou algo moi semellante ó coñecido.
O certo é que cando se pecha un ciclo anual sempre estamos a pedirlle ó que empeza cousas, e pra iso referímonos a ese tempo como novo. Mais non hai ningunha diferencia entre novo e vello, pois soamente existe na nosa mente, tanto a nivel individual como colectivo. Pero nós estamos presos do calendario e temos unha predisposición que indica que, ó pechar unha etapa e encetar outra, sempre desexamos que a que comezamos sexa mellor ca anterior, e por iso pedimos cousas e incluso lle chamamos un tempo novo.

Pois ben, iso é o que acontece nestas datas. Pechamos un anaco de tempo e, por aquelo de tomar aire e facer contas do acontecido nese pasado recente, encetamos outro e cargamos a existencia vital engadíndolle ás vivencias superadas do pasado. E por seguir a rutina diaria preferimos chamarlle o tempo que empeza ano novo. E como falamos de algo novo abrigamos ilusións e novas esperanzas para seguir soñando algo mellor. 

Con todo, e por seguir a rutina da grande maioría, ademais de pedir saúde, gustaríanos que o 2017 fora un bo ano para todos os galegos, pois o camiño que toma esta terra ten unha cor gris tirando a negro. E como ven sendo xa habitual, o tempo económico pinta mal para a maioría social. Polo que saúde e boa cara ó mal tempo. Pois o ano chamado novo parece vir ateigado de escuros asuntos, de vellos rexurdires que caerán sobre nós en forma incertezas e recortes. Polo que non nos fiemos dos termos, pois o novo e o vello son adxectivos para engaiolarnos e seguir matando o tempo.

Te puede interesar