Opinión

Vendedores de ilusións

Estamos en precampaña para as municipais do ano que ven. E algúns grupos políticos empezaron a presentación dos candidatos na cidades e vilas de Galicia. Desta maneira, vendéndonos as súas virtudes e facendo un espectáculo cunha posta en escena cargada de promesas, empeza a preparación duns comicios que, segundo din os alcaldables, traerán para ós cidadáns unha prosperidade nunca vista.

Así, mentres na cidade olívica o sr. Caballero agudiza a linguaxe do viguismo contra a Xunta e amósase cabreado, e pouco menos que insultado e menosprezando ao presidente da Xunta, logo cambia de discurso e presenta o alumado do Nadal falando de competir coas cidades do mundo mundial. E para iso quere encher Vigo con tantos millóns de puntiños de luz que superará a Londres e outras cidades neste asunto. Vamos que, segundo dixo, isto será o non vai máis.

Cousa ben diferente aconteceu o sábado pasado en Ourense, onde Feijoo, presentando a Jesús Vázquez, dixo que temos o mellor alcalde de Galicia e que o futuro que nos espera ós ourensáns está cheo de cousas moi boas que se materializarán nos próximos anos. 

O importante, dicía un comerciante, é vender ben o xénero. E eiquí o importante é promocionar como sexa á persoa; iso si, falando, como se dunha relixión se tratara, de promesas a futuro que maiormente quedan en fume. Pero crean ilusións de ter cousas boas que nos farán máis felices e iso anima. 

Mais o certo é que, no caso de Ourense, pouco ou máis ben nada hai que presentar como positivo do acadado nestes catro anos de goberno dos populares. A desvalorización e o deterioro da vida municipal na cidade das Burgas é tan evidente que tardarase tempo en recuperar o que se perdeu. Se no haber dun goberno que non presenta en tres anos un presuposto e xustifícase culpando á oposición de pór paus nas rodas, non hai nada mais ca iso, todo semella que a falla de decisión política e o medo a perder a alcaldía foi o obxectivo final do mandato. Ou sexa: os intereses partidarios e persoais por riba dos intereses colectivos dos cidadáns. Feijoo e o xefe provincial arrouparon sen remilgos a idea de promocionar a unha persoa e vender un produto imaxinario que demostrou que non ten cintura de alcalde. Pero, nestas postas en escena, trátase de convencer á parroquia. Logo, o demais, xa se verá. E mentres, o Concello segue cunha morea de servizos na corda floxa ou en precario; segue sen PXOM, cando xa estaba aprobado inicialmente; segue coa cultura polo chan; segue cos parques e xardíns desfeitos e sucios, e así poderíamos seguir e seguir enumerando problemas. E por enriba, como somos moi tranquilos, tragamos con proxectos desmellorados de obriñas feitos pola Xunta.

En fin, cousas veredes.

Te puede interesar