Unha versión cursi da Marcha Real

Unha versión cursi da Marcha Real

Despois de escoitar a unha cantante de música lixeira a versión un tanto cursi que fai sobre a Marcha Real, proclamada himno de España polo franquismo, afiánzome un chisco máis na idea de que somos un estado que, no tocante a súa simboloxía, ten moito que mellorar, para ser un pais serio e non soio de pandereta, touros e españoleo barato. O chamado himno nacional, por moitos decretos e ordes que se fagan, non deixa de ser unha marcha militar, que non a partitura que tiña que nacer do apego e a querencia do sentir do conxunto do estado. Intentos varios houbo de poñerlle texto á devandita marcha. Mais todos quedaron no esquecemento, trunfando so as que popularmente se coñecen: na na na na na..., chin ta ta chin ta..., ou Franco, Franco...

Os cantos representativos dos pobos e a nacións xeralmente nacen primeiro dun texto, case sempre atribuido a poetas ou bardos que peneirando e xogando coas verbas saben recoller o sentir dos pobos e as xentes que conforman o conxunto. E posteriormente os músicos poñen as notas e fan as harmonías. O demais son enxendros que poden funcionar, pero que raras veces o conseguen. Sei que hai casos nos que así se fixo e funcionaron. O caso alemán pode ser un bo exemplo, pois toma a música dun movemento lento e solemne dun cuarteto de cordas de Joseph Haydn. Pero raros son os que naceron así.

Os himnos teñen unhas características para que sexan admitidos como algo representativo dun país ou estado. E non todo vale para ser un himno e menos as letras cursis como é o caso. Por iso o primeiro é ter un texto apropiado que realce valores e virtudes. O segundo, unha música nunha tonalidade cómoda para que o común da xente o poida cantar. A pretensión dun himno é que sexa cantado e sentido polo maior número de persoas posible. Desa maneira estase asumindo e, en certa medida, vivindo o que se di nel. Por iso o texto e música teñen que expresar sentimentos e querencias comúns de todos os habitantes que conforman o conxunto. De non ser así, o mellor é deixalo sen texto, que é como naceu. 

En fin, a versión que fixo Marta Sánchez non deixa de ser un tanto cursi e americanizante. Unha versión cantada para o lucimento persoal dunha solista nun momento no que hai certa sensibilidade sobre determinadas cuestións políticas; cuestións referidas ao dereito de pobos e nacións que conforman o conxunto do estado. 

O que máis me chama a atención deste asunto, e o oportunismo partidario e a contestación do presidente do goberno, Sr. Rajoy, e do socio Sr. Rivera. Os dous case ó unísono amosan claramente o sentir partidario e oportunista de apropiarse dos beneficios de tal versión musical, cando un símbolo debe estar por riba das ideoloxías e oportunismos partidarios. E o segundo é que teñen un gusto musical casposo e raquítico. Parece que España segue a ser soamente dos que a entenden dunha determinada maneira e lles gusta un himno que arrecende a unha época escura da nosa historia común. En fin, esta versión será esquecida como tantas outras e seguiremos escoitando a letra coas onomatopeias que lle poñen os grupos humanos berrando nos estadios.