Vivir fora da realidade

Vivir fora da realidade

Os humanos, ó viviren en grupos, crearon normas para organizarse, deseñaron leis para afrontar os problemas e esta forma de actuar levou á sociedade a unha permanente evolución, sempre co obxectivo de mellorar e superar atrancos. En definitiva, sempre tratando de buscar a felicidade. Tal evolución partindo do grupo, foi o xerme das aldeas, vilas e grandes cidades. Pero esta evolución tamén trouxo consigo unha permanente modificación de conceptos, de ideas filosóficas, éticas, morais e incluso relixiosas. Por iso, a día de hoxe, pódese afirmar que a sociedade é un elemento vivo que, coas súas virtudes e defectos, está sempre en evolución.

Hai uns días o crego dunha vila de Albacete chamada Viveros, no seu afán de clarificar conceptos e cuestións referidas ó pecado, colocou unha pancarta na fachada da igrexa sinalando todos os pecados mortais que eran motivo de vivir fora da relixión cristiá. O listado, que era moi longo, amosaba como pecado cantidade de temas que a día de hoxe son cuestións normais, asumidas pola nosa sociedade e que acontecen a cotío.

Axiña, non sei se pola difusión que tomou o asunto nas redes e nos medios de comunicación, ou se polas gargalladas que causaba tal tema, retirou a misiva dado que daba moito que falar. Pois parecía que con tal listado de penas mortais que condenaban ó inferno ós que as cometeran, axiña quedaría sen xente na súa parroquia para as celebracións.

Pero, máis alá do que uns e outros podamos pensar sobre esa cuestión, a colocación da pancarta amosa o distanciamento existente entre a sociedade e os dirixentes e representantes da Igrexa actual. Moitas cuestións que recalca o crego xa non son entendidas como pecado, pois son aceptadas pola sociedade como algo normal que acontece entre os humanos. Algo que xa está asumido dentro da rutina diaria na que vivimos. Por iso falo de vivir fora da realidade, que é tanto como vivir pechados nun bucle, sen ver máis alá da sobra da sotana. 

E por iso recalco que moito ten que cambiar a Igrexa de hoxe, pois a sociedade vai por un vieiro e a relixión sigue sen ver que a sociedade civil camiña aceptando moitos valores e normas que esta institución condena como pecado, pero que, sobre todo as novas xeracións, ven e aceptan como algo normal. E porei varios exemplos: o uso dos anticonceptivos; as relacións prematrimoniais; vivir en parella sen casarse; as relacións de persoas do mesmo sexo, etc. E non falemos doutras cousas que son de consumo diario, como o das noticias falsas, tendenciosas, os chismes e unha longa ringleira de temas coñecidos por todos.

A Igrexa vive momentos complicados que debe afrontar partindo de imbuírse na sociedade actual e aceptar moitas cousas que ate agora están condenadas como pecados mortais. Pecados que parten de conceptos desfasados que a sociedade superou hai moito tempo. Para non estar fora de xogo, hai que mover ficha e polo menos revisar o listado dos pecados. De non facelo, imos todos ó inferno, e seguro que alí non collemos tantos, e como consecuencia desa condena, quedarán as igrexas valeiras e sen xente. Póñanse ó día, señores.