Opinión

A voltas co Xardín do Posío

O Posío naceu no 1846 como xardín botánico vinculado ó instituto que hoxe leva o nome de Otero Pedrayo. Foi, a pesares do seu deterioro e abandono actual, un lugar importante na historia de Ourense. Nel fixéronse grandes eventos e actuacións musicais como os festivais da canción do Miño e outras. Mais tamén, nese fermoso lugar, moitos ourensáns fraguaron historias de amor. O xardín foi, e ainda é hoxe para os ourensáns, un lugar de referencia e de descanso. Pero, este espazo emblemático, nos últimos vinte anos foi tratado dunha maneira moi errada. A reforma que fixo o goberno de Manuel Cabezas, máis que mellorar o lugar, desertizouno, pois moitas foron as arbores cortadas e, dende aquela, o xardín perdeu moito do seu engado.

As loitas dos veciños encabezados por Antón Gómez hai 20 anos, impediron chimpar unha parte do peche e así ampliar o espazo dunha rúa para facer un aparcamento baixo dela. Polo tanto, foron determinantes para frear o proxecto. O certo é que, de novo, volven a sonar campás que falan doutra reforma na que parece que estudan quitar parte do peche. E aínda que o asunto do aparcamento parece desmentido, as alarmas volven soar sobor do futuro deste lugar tan senlleiro da nosa cidade.

Nin que dicir que o abandono dos parques e xardíns do concello de Ourense é tan evidente e notorio que a cuestión empeza a ser alarmante. Comezando pola Alameda, onde as árbores secas e cortadas son moitas, podemos seguir polas rúas do centro da cidade onde acontece un caso semellante. E a medida que saímos do centro, o asunto empeora. En fin, pouco, ou mellor nada, se fixo, e si permitiuse o deterioro do que había.

O desleixo no que se atopa a cidade nestes catro anos últimos é tan evidente que salta á vista de todos os ourensáns. Posiblemente, diante a inoperancia e debilidade do goberno de Jesús Vázquez, o anuncio sobre a reforma do Xardín do Posío non sexa máis ca unha proposta de pre campaña, co obxectivo de amosar que se fai sen facer ren. Un globo sonda que serviu de espoleta para poñer en garda a moitos ourensáns.
Con todo, comparto que se algo se vai facer no Posío, compre que respete a súa historia e o seu carácter de xardín botánico, no que houbo máis de 200 especies de árbores distintas e case 500 de prantas. E se non, mellor que non lle toquen ata que o xuízo e o sentidiño histórico e de valoración impere noutro goberno municipal.

Hai que manterse alerta, non vaia ser que con tanta reforma esnaquizen o pouco que queda deste senlleiro espazo público.

Te puede interesar