A xustiza na picota

A xustiza na picota

As verbas que no seu día dixo un alto cargo da xudicatura, “la justicia española está hecha para castigar a los robagallinas...”, tomaron actualidade coas sentencias sobre o caso Nóos e o das tarxetas “black” de Bankia que saíron á luz hai uns días. Nin que dicir que na rúa xa se fala abertamente de que hai unha xustiza para os timadores, estafadores e ladróns chamados de alto copete, e outra para o resto do común dos mortais. Ou sexa, dúas varas de medir e castigar. Dúas maneiras de entender a vida e penalizar ós que delinquen. Incluso hai quen di que na xustiza so cren os delincuentes de clase alta.

Mais, con todos os defectos, pegas, favoritismos e tratos deferentes que poidamos maxinar, destes asuntos xudiciais sempre sae algo que pode ser certamente positivo, ou que, polo menos, racha cun pasado de anos de impunidade nas altas esferas do poder. Posiblemente, cando empezou a democracia neste Estado ninguén pensaba que, co paso dos anos é á vista dos feitos coñecidos, os grandes mitos, refírome as persoas das altas instancias do Estado, incluíndo certos políticos, caerían o chan para seren descubertos como verdadeiros delincuentes. Igualmente, as familias modelo en todo, que eran o referente de moitos, quedarían o descuberto de que teñen máis merda que agochar que aquelas compostas por milleiros de humildes cidadáns. 

Pero volvendo o tema xudicial, despois do andado, e a pesares das sentencias coñecidas, pero non definitivas, destacaría dous aspectos que ó meu modo de ver marcan un camiño e un tempo novo. A primeira cuestión positiva é que, por primeira vez, sentouse no banco dos acusados e condenouse a filla dun rei e irmá doutro. Digo condenouse a pagar unha importante sanción ademais de pasar polo banco dos acusados; cuestión que nunca aconteceu na historia recente desta España. Igualmente condénase ó home no que a infanta tiña posta toda a súa fe baseada no amor que lle profesaba. Claro que cabe pensar se o señor Urdangarin cumplirá os anos de cadea ós que foi condenado. Con todo, poderíase afirmar que, de non ser por causas políticas, a impunidade ou favoritismo do que gozaban algúns por ser da Familia Real queda moi tocada e, de agora en adiante, terán que medir moito os pasos e as formas os que pretendan valerse do favor por ser parentes do monarca.

O segundo deixa entrever que, aínda que xustiza é ás veces moi benevolente cos poderosos, o aviso queda dado para todos estes persoeiros que, valéndose da súa arrogancia e influencia política fixeron caixa a conta dos cidadáns. E estoume referindo o asunto Bankia e o das demais caixas rescatadas cos cartos de todos.

En fin, que despois do que leva chovido, e das idas e voltas, cabe pensar que, de agora en adiante, ábrese unha nova etapa no referido á forma de obrar dos achegados á Familia Real. Igualmente acontece para todos estes persoeiros adicados a dilapidar os aforros dos demais e forrarse con xubilacións que dan arrepío. Con todo, despois do acontecido, a xustiza a nivel de rúa está na picota, pois unha gran maioría social ten asumido que hai dous modelos á hora de impartila: a dos poderosos e a da xente do común.