Opinión

A cuestión demográfica

Na Galiza, hai 29 anos que nacen menos persoas das que morren. Unha traxedia. No Estado español isto acontece por segundo ano consecutivo, e xa están alarmados. Este problema afecta á periferia no Estado, xa que Madrid, Barcelona, e Valencia, non padecen esta eiva. En calquera caso, o fenómeno amosa unha tendencia que vai a máis, e que contradí o optimismo dos que ollan na globalización neoliberal un futuro de progreso. Ademais, a evolución demográfica non só é negativa nos territorios con maior desigualdade social e desemprego, algo lóxico, senón que xa afecta practicamente a todo o continente, por mor das políticas laborais e sociais regresivas. Cando non ocorre así, trátase de excepcións. Cun avance tan forte da concentración e centralización da riqueza e do poder, non podía ser doutro xeito.

O aumento da desigualdade está a ser pago pola clase traballadora, o pequeno propietario rural, e os autónomos e empresarios do segmento máis baixo da burguesía. Na evolución desta tendencia ten máis valor o poder económico e político, que a riqueza en materias primas, a situación xeográfica, a formación profesional, e o esforzo persoal e colectivo. Aínda que estes últimos aspectos axudan a acelerar ou non o proceso. Daquela, a transcendencia que adquire a capacidade mobilizadora da sociedade, o papel das institucións, e a cuestión da soberanía. Estes son os mecanismos reais cos que contan as clases populares pra mudar a correlación de forzas e realizar unha distribución xusta da riqueza e do traballo. Non é polo tanto casual que o poder económico (grandes fortunas e corporacións) aposte por baleirar de atribucións as institucións elixidas democraticamente, e transferir estas capacidades a organismos escollidos indirectamente (FMI, BCE, FMI, OMC, Comisión Nacional da Competencia, etc.) e colocando o Poder Xudicial como interprete da vontade política, por riba dos poderes que son escollidos por medio do voto. 

A caída da natalidade nas últimas décadas ten unha relación directa coa alta taxa de desemprego, a baixada dos salarios medios, o aumento da xornada laboral real e da temporalidade nos contratos e, como consecuencia disto, do medre da desigualdade social e do aumento da pobreza. Asemade, a economía galega perdeu peso en relación ao Estado español, malia que aquel xa era cativo debido ao atraso nas formas de produción, como consecuencia da nosa subordinación. O rural serviu como reserva interna de man de obra barata e pra emigración. Cos avances tecnolóxicos, o medre do PIB por persoa, fíxose a costa dun desenvolvemento urbano e industrial limitado, da emigración e da caída da natalidade. Non se produciu unha expansión da produción en función da povoación senón que esta se axustou aos límites historicamente impostos. En resumo, unha parte considerábel das persoas en idade de se reproducir non teñen condicións económicas pra casar e ter fillos e fillas. E esta tendencia agrávase coa emigración da mocidade. 

Pra alén destas cuestións estruturais, que teñen relación directa co capitalismo e a dependencia, hai medidas que se poderían tomar axiña que axudarían a recuperar a natalidade. Entre elas: reducir a xornada laboral sen perda de ingresos, aumentar o salario mínimo interprofesional, reducir os contratos temporais a casos excepcionais por razóns de tipo estrutural. Cómpre ademais garantir un ingreso digno aos desempregos/as a cambio de traballo social e formación, aumentar o número de garderías e subvencións económicas por fillo e filla, dado que son un ben para a colectividade. Dirase que son medidas moi custosas. É verdade. Porén, moito menos que ver como se destrúe a nación galega. Axudaría moito facer un reparto máis xusto do traballo e da riqueza producida, tanto entre clases como entre territorios.  

Te puede interesar