Opinión

A guerra que o mudou todo

Ovindeiro 11 de novembro cumpriranse cen anos que rematou a Primeira Guerra Mundial, aínda que os pactos de rendición, asinados polas potencias triunfantes e Alemaña adiáronse até o ano 1919. Os acordos impostos a Alemaña, Austria-Hungría, e ao Imperio Otomano, implicaron pra estes estados duras sancións (redución drástica do exército, compensacións económicas e cesións territoriais).  Ou sexa, reconfigurouse Europa e o Próximo Oriente. A guerra causou uns dez millóns de soldados mortos, vinte un millóns de feridos, e 13 millóns de civís perderon a vida. 

O primeiro fascículo de Siglomundo adicado ao tema (Ernesto Laclau; Centro Editor de América Latina, Arxentina, 1969) destacaba que guerra foi consecuencia: “dun conflito inter-imperialista entre dous bloques de potencias rivais, que se xestou ao longo do medio século anterior”. Nese período “as grandes nacións europeas experimentaron unha expansión económica sen precedentes na historia humana, que as levou a se repartir o mundo en esferas de influencia e consolidar vastos imperios coloniais.

No momentos en que esta expansión chegou aos seus límites, cando calquera futuro crecemento capitalista dun país só era posíbel ao prezo de limitar e diminuír o desenvolvemento das potencias rivais, agudizouse o antagonismo, entrando en crise en 1914”. A escusa sería o asasinato de herdeiro da coroa austríaca, o arquiduque Francisco Fernando, ocorrido o 28 de xuño de 1914 en Saraxevo (Bosnia). Polo que o 28 de xullo Austria-Hungría declarou a guerra a Serbia, e nos meses seguintes Alemaña, Rusia, Francia e Inglaterra entran na contenda. 

Na “Gran Guerra” non participou o Estado español. Reinaba Alfonso XIII, e presidía o governo o conservador Eduardo Dato cando comezou a confrontación. Os historiadores destacan que causou un retroceso na economía, dando lugar a grandes protestas sociais. Mentres no Rif mantíñase o conflito armado. Ademais, Galiza tivo seu protagonismo na guerra, pola súa situación xeográfica e extensa costa, e por mor dos sistemáticos ataques que os submarinos xermanos realizaban contra os barcos mercantes do Reino Unido e Francia, pra o que contaban con informadores e apoio. 

Neste contexto, a axitación agraria e obreira estivo presente con moita forza no País. Lembremos a terríbel represión contra as veciñas e veciños en Nebra, en Porto do Son, en 1916, cando pretendían evitar un embargo polo non pago dos arbitrios abusivos impostos polo concello. Os disparos indiscriminados da Garda Civil causaron cinco mortos. Ou a participación na folga xeral revolucionaria de 1917, que tivo especial incidencia na Coruña, Monforte, Lugo, e en Ferrol onde se declarou o estado de guerra. E, no ámbito político, a fundación en maio de 1916 das Irmandades da Fala na Coruña; unha iniciativa que seguramente foi alentada polo Levantamento de Pascua en Irlanda, acontecido un mes antes.  

O segundo fascículo de Siglomundo sobre a Primeira Guerra salienta as consecuencias: “O desenvolvemento do capitalismo europeo foi profundamente modificado. Alterou en primeiro termo a tradicional relación entre Estado e economía. O requirimento de fornecementos regulares, a necesidade de impoñer racionamentos, os problemas xerados pola substitución de man de obra enviada ás trincheiras obrigaron ao Estado a intervir na esfera da economía (...)

Ademais puxo fin ao capitalismo europeo ascendente (...) fíxolle perder forza fronte ao capitalismo norte-americano e xaponés”. Os Estados Unidos aparece como potencia determinante no mundo capitalista. Asemade, a Revolución Rusa fai agromar o socialismo como unha alternativa, que se consolidará na segunda Guerra Mundial, e dará pulo ao movemento obreiro internacional e ás loitas de liberación anticoloniais, até a década dos setenta do século pasado.  

Te puede interesar