Opinión

Amencer dun novo tempo?

Semella que con Donald Trump como presidente, as relacións entre os Estados Unidos e China pódense redefinir de novo, corenta e cinco anos despois de que Nixon visitase China con este mesmo fin. Aquela viaxe, realizada no mes de xaneiro de 1972, presentouse como necesaria pra normalizar as relacións entre potencias, e foi o amencer dun tempo novo. Porén, Washington tiña como obxectivo illar a Unión Soviética. O momento era o propicio porque había máis dunha década que as diverxencias entre os partidos comunistas de China e a URSS levaran á ruptura (pola valoración do governo de Stalin, a coexistencia pacífica, o tema dos mísiles en Cuba, a primavera de Praga, etc.), e mesmo ao enfrontamento militar na fronteira do río Ussuri no ano 1969. Esta división estendeuse ao movemento comunista en todo o mundo. Como era lóxico, unha visita a tan alto nivel non foi ben acollida en Moscova que acusou a China “de non ter en conta a criminosa intensificación da agresión estadounidense en Indochina”. 

As declaracións iniciais de Trump levan a pensar que busca algún tipo de achegamento a Rusia, coa finalidade de debilitar, cando menos, o entendemento actual entre Moscova e Pequín. Segundo algúns analistas, os puntos de encontros serían a guerra contra o terrorismo en Siria e Iraq, as sancións, e a cuestión de Crimea. Evidentemente, esta folla de ruta que modifica a que levou adiante Obama, con máis fracasos que triunfos, non é do gosto do complexo industrial militar, polo que en principio sumouse á fronte opositora interna, que brama contra calquera paso atrás na globalización (que favorece ás transnacionais). Agora ben, Trump pode contentar os primeiros con grandes investimentos na modernización das forzas armadas, e poñer contra as cordas os segundos se é quen de forzar concesións económicas no exterior. Por exemplo, mediante a revalorización do yuan, e obrigando os parceiros na OTAN a que asuman gran parte do gasto militar e merquen armamento estadounidense. 

Cómpre dar por seguro que o novo presidente estadounidense só quere facer axustes á globalización neoliberal, e que de ningún modo se propón rectificar en profundidade o sistema capitalista. Non está a propoñer unha recomposición da distribución da renda e do traballo, rematando coa pobreza e a desigualdade, nen colocando en primeiro plano a solidariedade internacional. Do que se trataría é de recuperar o emprego en áreas desmanteladas pola deslocalización industrial e facer menos dependente do exterior a economía estadounidense, por razóns estratéxicas. Albiscan un mundo multipolar, con áreas desestabilizadas. Algo inevitábel con este sistema e correlación de forzas. Un mundo que é produto das políticas imperiais dos Estados Unidos, coa colaboración dos seus aliados.  Unha recomposición que sen dúbida atinxe moi especialmente a Alemaña, e por extensión a todos os países da Unión Europea. Ate que punto condicionará o seu futuro ou o da eurozona?

Pra alén dos insultos ás mulleres e inmigrantes, das súas provocativas referencias a outros países, todo amosa que Trump ten unha estratexia baseada na tensión e na negociación mercantilista. Faino co obxectivo de reducir o déficit externo, e recompoñer a tendencia económica a prol dos Estados Unidos, especialmente nos sectores de transformación. Daquela que teña máis interese en debilitar o bloque das potencias alternativas, alimentando as diverxencias entre eles, que se meter en guerras nas súas periferias. Ademais, estas non están obtendo resultados positivos e fortalecen as contradicións do bloque hexemónico. O que está a acontecer con Turquía e Filipinas é unha mostra. O problema pra esta folla de ruta é que as desconfianzas de Rusia son moi fortes, máxime cando  sen China non existirá un mundo multipolar.

Te puede interesar