Opinión

O axuste que 
nunca remata

Malia que o Governo central e a Xunta gábanse porque as políticas de axuste seica permitiron saír da crise e recuperar o crecemento, non por iso mudan as medidas que restrinxen servizos e prestacións públicas. Tampouco deixan de baixar os salarios e de aumentar a temporalidade na contratación. Polo tanto, pra maioría non se olla o final do túnel. Así o reflicten con toda crueza a última reforma fiscal, a privatización de servizos na sanidade e na administración, a diminución de persoal tanto en sanidade como no ensino e prestacións á dependencia, a perda de poder adquisitivo das pensións, etc.

O único que semella ir ben é o medre do lucro das grandes empresas e a multiplicación da riqueza nas grandes fortunas. E ademais, en contra do que se aseguraba dende os partidos sistémicos, isto non se traduce nunha mellora das condicións de vida das clases subalternas e nen sequera rematou co axuste empresarial, como amosa o peche de centos empresas e a difícil situación doutras. O fracaso destas medidas é polo tanto evidente, a non ser pra unha minoría. Mesmo así, teimase nesta liña destrutiva con novas iniciativas que, no colmo do cinismo, mesmo se presentan como favorábeis pra maioría. Analicemos algunhas delas.

Coa reforma fiscal proposta polo Governo, os principais beneficiados son aqueles que ingresan máis de 300.000 euros ao ano, xa que terán unha rebaixa media do 13%. Os que teñan ingresos entre 20 mil e 30 mil euros seguirán a pagar o mesmo; lembremos que son o 80% dos traballadores/as. Pra os que perciban entre 15 mil e 20 mil euros ao ano, a redución será duns 340 euros de media. Mentres que pra os que gañen un millón, a rebaixa atinxirá os 42.300 euros. Ou sexa, un café diario extra pra os salarios máis baixos e unha caixa de botellas de champán francés para os adiñeirados. Non semella un trato xusto, aínda que llo pareza ao ministro Cristóbal Montoro.

Outra modificación que ten o seu calado é a que dá máis competencias ás Mutuas, nun proceso constante de privatización. Segundo informa a CIG: “as Mutuas estenden o seu campo de acción pra xestionar as continxencias comúns, como a prestación por Incapacidade Temporal (...) No Anteproxecto recóllense medidas como que as mutuas podan intervir desde o primeiro día da IT, a través de convocatorias e recoñecementos da persoa enferma, así como a facultade de propor a alta médica (...) Medidas estas que supoñen un custe persoal e económico pra o traballador/ra enferma, así como unha situación de desprotección fronte ás decisións das Mutuas, que, non o esquezamos, son mutuas patronais onde priman na xestión das baixas os criterios de aforro sobre os criterios de saúde”. A patronal é neste caso xuíz e parte, polo que significa un recorte de dereitos.

Un último exemplo. Se cadra porque o Governo teme que se esgote o engado tan sobado de que cun pequeno sacrificio máis todo está solucionado, quere modificar axiña o Código Penal. Entre as novidades está a de tipificar como delito accións e mobilizacións que até o de agora non tiñan esa consideración, como é o caso de dereitos básicos como o de reunión, manifestación e á folga. Outro tanto pretende facer coa reforma da Lei de Seguridade Cidadá, permitindo que se sancione pola vía administrativa os que participan nun conflito laboral. As multas serán de até 600.000 euros cando se considere que a infracción é grave, e de 601 a 30.000 cando se entenda que é leve. En moitas circunstancias, o Governo será xuíz e parte na imposición das multas. O recurso xudicial é posterior, polo que as sancións convértense nun instrumento máis en mans da administración pra desalentar a mobilización social e política. Sen dúbida é outro importante recorte de dereitos democráticos.

Te puede interesar