Opinión

Cada vez hai menos tempo

Tanto a Xunta de Galiza, como o Governo central destacan os “avances” producidos no ano que deixamos atrás, grazas ás súas políticas: crecemento do PIB, do emprego, e medre do turismo e das exportacións. Desta tendencia participan as distintas nacionalidades do Estado. Mais dun xeito distinto, xa que aumentaron as desigualdades. No caso de Galiza, ademais de seguir reducindo a súa participación no PIB, non se pode obviar que morren case que o dobre de persoas que nacen, co que isto implica como radiografía da situación socio-económica. 

Pra compensar tanto optimismo dos partidos sistémicos, os medios non poden deixar de informar (se cadra pra facelo máis críbel) que o 70% das persoas non aforran ren e que a precariedade non deixa de medrar. Engádese o vello argumento de que, co tempo, o medre da renda terminará beneficiando a todos e todas. Isto non é certo. En termos macroeconómicos a crise está superada, mais saímos dela cuns resultados que agravan as desigualdades entre nacionalidades e clases sociais. E nada indica que, como noutras etapas históricas, isto reverta a medio ou longo prazo. 

A tendencia dominante a nivel mundial, tamén no noso contexto, é consubstancial co capitalismo nesta etapa de globalización neoliberal, que afonda a explotación, a opresión, a depredación e dá pulo á economía especulativa e delituosa. Asemade, non se pode esquecer que noutros momentos históricos, o avance nun reparto máis xusto do poder e da riqueza non foi un regalo do capital, senón consecuencia directa das duras e prolongadas loitas da clase traballadora e dos movementos de liberación nacional, tanto no eido económico como democrático.

Porén, a correlación de forzas actual non semella ser a máis acaida pra reverter estes procesos regresivos en materia social e laboral, por máis que medre o PIB. Daquela, o retroceso da participación do traballo na renda, que se dá tanto en termos económicos como na necesidade dun número de empregos cada vez menor pra obter a mesma produtividade (non tanto polos avances técnicos, como por mor do aumento da xornada, dos ritmos de traballo, da caída dos salarios, das horas polas que non se paga e non se cotiza). Ademais, no caso dos países dependentes, subordinados, como é Galiza, existe unha destrución de sectores estratéxicos na nosa economía, como o medio rural, pesca, naval, etc. A isto debemos engadir un control cada vez máis grande das empresas líderes polo capital foráneo.  

A esta altura da historia da humanidade, non se pode esperar do crecemento do PIB unha mellora da calidade de vida da maioría social. Nen sequera unha redución do desemprego. Vivimos nun mundo onde a economía está globalizada, e as empresas non dependen do consumo local. Máxime cando, ademais dunha competencia desapiadada entre potencias, puxeron a competir a clase traballadora a nivel universal, coas deslocalizacións e unhas migracións (man de obra de reserva) cada vez máis numerosa. Esta vén premida polas guerras alentadas polo imperialismo e polas medidas agresivas e depredadoras que as potencias e corporacións impoñen sobre os seus países, acelerando a destrución das formas tradicionais de produción e consumo. 

Os importantes retos que ten a sociedade galega, a comezar polo demográfico, só terán solución revertendo a situación. É dicir: democratizando a sociedade, con soberanía, e dando folgos a un desenvolvemento autocentrado e sustentábel, cunha economía ao servizo da xente. E iso esixe que a clase traballadora (un 80% da povoación activa), xunto con outras camadas populares, sexan quen de ter o protagonismo que lles corresponde na sociedade, nas institucións, na cultura, na construción do imaxinario colectivo. Cada vez temos menos tempo pra evitar a desfeita. A demografía é o mellor termómetro.

Te puede interesar