Opinión

A caldeira está no límite

O presidente do Governo destacou hai uns días nunhas declaracións, que o PIB sería a mediados do vindeiro ano, semellante ao existente antes do inicio da crise no 2008. Porén, esqueceu dicir que este avance económico non terá unha correspondencia no eido social e laboral, onde o axuste non só se mantén senón que se acentúa un pouco máis cada ano que pasa. En poucas palabras, que pra eses dous terzos das familias que chegan con dificultade ou moita dificultade a final de mes, só se notará o medre da economía no aumento do traballo precario e mal pago. E por se non abondase, a outra tendencia dominante é a centralización da riqueza e do emprego nos territorios centrais do sistema, coa agravante que iso implica pras clases populares galegas. 

Os resultados da crise non podían ser outros. Non foron unha casualidade ou unha catástrofe ambiental.  O aumento da desigualdade entre clases e entre territorios é unha consecuencia directa de políticas que protexeron os intereses dos máis ricos, das corporacións, dos mesmos que causaron ou alentaron a crise. Todo foi argallado co argumento da competitividade: o medre da man de obra de reserva (desemprego, inmigración), a deslocalización empresarial, a maior explotación laboral (salarios máis baixos -un 11%-, temporalidade, ritmos máis intensivos e xornadas máis longas), a regresión fiscal impositiva, e a redución dos servizos e prestacións públicas (pensións, desemprego, dependencia, etc.). Daquela que ao final, cando se superaron os retrocesos da crise en termos macroeconómicos, o escenario amosa unha maior concentración e centralización do poder e da riqueza. Un crecemento do PIB que, a diferenza doutros momentos semellantes no pasado século, non se reflicte nun crecemento no investimento produtivo, senón no medre exponencial do consumo de luxo, da corrupción, da economía delituosa, da especulación, da guerra, da rapina de materias primas e da destrución da natureza. 

Ademais, sendo unha boa nova que medre o PIB, ren fai pensar que sexa unha tendencia que se poda manter no tempo. Primeiro, porque se sustenta en factores conxunturais exteriores, sobre os que o Estado español ten unha incidencia mínima. Como son: o medre do turismo pola inestabilidade en países competidores; o baixo prezo do petróleo; a flexibilidade cuantitativa do BCE; a mellor correlación euro/dólar pras exportacións fóra da eurozona. Segundo, como moitos analistas indican, todo augura unha nova crise, alimentada pola especulación bancaria e a débeda soberana. Terceiro, a confrontación militar en Sira-Iraq-Libia-Ucraína, a inmigración masiva, a saída da Gran Bretaña da Unión Europea, o triunfo de Trump, a ralentización do comercio internacional, a incapacidade pra conxeniar as regras da eurozona coa recuperación da economía grega, son sinais moi fortes de que o modelo de desenvolvemento baseado na globalización neoliberal está esgotado, lévanos ao desastre. Mais o realmente preocupante pras clases dominantes, é que, non só aumenta o descontente social, senón que se está a estender dentro do  empresariado. 

Malia estes sinais negativos, Bruxelas impón pra 2017 unha redución do déficit público no Estado español de 1,5 puntos sobre o PIB deste ano. Que se executará xa que o Governo non está disposto a rachar coa subordinación. E ren fai pensar que se lle vaia a esixir ese esforzo extra ás grandes fortunas e ás empresas transnacionais, tan favorecidas polos governos do PSOE e PP durante a crise. Afectará máis unha vez ás clases populares, tanto mediante un aumento dos impostos indirectos, por exemplo o IVE, como coa diminución de servizos e prestacións públicas. Porén, a caldeira está no límite, e o povo cura as feridas e vai aprendendo que o medre do PIB non garante menos desigualdade e pobreza. 

Te puede interesar