Opinión

Cambiar algo pra que non mude ren

O medre do desemprego no último mes, en case 6 mil persoas, a emigración masiva da mocidade, a venda unha tras doutra das empresas estratéxicas ao capital foráneo, a evidencia no novo hospital de Vigo de que a privatización implica un deterioro dos servizos esenciais, ademais dunha maior carga de custes, precipitaron sen dúbida os cambios na Xunta de Galiza, pensando nas eleccións xerais e autonómicas. Porén, ofrecer cabezas, mudar nomes, e facer un discurso optimista, non soluciona os problemas de fundo destes sete ano de presidencia de Núñez Feijóo: o desleixo, a total submisión a Madrid e a falta dun proxecto para Galiza por infravalorar o país.

Esta non é unha resposta moi distinta da que se dá neste intre no mundo neoliberal. Todo indica que vivimos en épocas de escenificación, de teatro, unha actitude acentuada polo papel preponderante que teñen os medios de comunicación, e polo tanto o visual, o intuitivo e o inmediato, moitas veces negadores da reflexión. Non é unha novidade. Sempre houbo moito disto, dende o albor da humanidade, porén nunca tivo tanta incidencia. Por algo dise que a última, foi unha revolución comunicacional. E resulta evidente que non se puxo ao servizo da xustiza social, da soberanía, e da solidariedade, porque nunca estivo á marxe das hexemonías existentes.

O máis grave deste governo foi que se afogou o público e aquilo que nos dá identidade como povo. Mais non por iso se desenvolveu Galiza. Nen sequera o fixo o sector privado que se puxo como exemplo; a queda da povoación así o reflicte. Só foron beneficiadas un reducido grupo de empresas, de sectores da sociedade moi concentrados e, hai que recoñecelo, tamén outros aos que non lles afecta a situación socio-económica e política, mais que en calquera contexto serán minoría, son a excepción que confirma a regra. Na práctica polo tanto non van mudar as políticas económicas e sociais, pra alén dalgunhas achegas conxunturais pras empresas, autónomos e colectivos abafados pola crise e os recortes en prestacións... Mudar significaría estar disposto a rachar coas políticas da UE e do Governo central. Alguén pode pensar seriamente que o PP galego vaia facer esta aposta?

A brincadeira de Núñez Feijóo non é unha novidade. Outro tanto está a acontecer co debate na Unión Europea centrado na cuestión da austeridade, como se o problema de fundo fose imprimir ou non máis papel moeda e atender os casos de emerxencia social. Esquecendo que a flexibilidade cuantitativa do BCE, sesenta mil millóns de euros cada mes, está ateigando o mercado de diñeiro, rematando coa austeridade en beneficio exclusivo da banca, das empresas. Faise en prexuízo do pequeno aforrador, das clases populares que perden capacidade adquisitiva, e non por iso devecen as medidas que afogan os servizos e prestacións públicas esenciais. A cuestión non é a austeridade, senón unhas políticas que teñen como obxectivo concentrar e centralizar a riqueza e o poder. Políticas de escala que favorecen as grandes fortunas e os territorios máis poderosos, porque só poden competir neste ámbito as transnacionais e países con enormes producións. Tampouco se pode ignorar a ligazón que existe entre o poder militar e político e o ámbito económico, o control da cultura e daquela dos hábitos de consumo.

Dentro do ámbito da UE, neste tempo histórico, e tendo en consideración a evolución da economía e da demografía galega, nada fai pensar que con pequenos cambios se poda reverter esta tendencia regresiva por máis optimismo que poña o presidente da Xunta. Cando menos deberíase reverter a recentralización de competencias transferidas, ben sexa por inoperancia da Xunta ou por leis do Estado como a de Unidade de Mercado, e de organismos fiscalizadores como a “Comisión Nacional de Competencia”.
 

Te puede interesar