Opinión

Chiapas, a revolta que non se anunciou

  

Se houbo unha rebelión social que colleu á maior parte do mundo por sorpresa, mesmo á aquela vinculada ás alternativas anti-sistémicas, que sempre alentaron o cambio, foi a insurrección do 1 de xaneiro de 1994, hai agora 25 anos. A ofensiva durou 12 días nas que o EZLN (Exercito Zapatista de Liberación Nacional), seica formado por dez mil efectivos, ocuparon transitoriamente San Cristobal de las Casas, a segunda cidade en importancia do estado de Chiapas (73.884 quilómetros cadrados e 3.200.000 habitantes naquela altura). E consolidáronse na selva Lacandona, unha zona no límite con Guatemala na que vivía este povo autóctono

As forzas rebeldes estaban constituídas por indíxenas maias, mal armados, que respondían así a séculos de marxinación e a un futuro cada vez máis incerto. A súa vantaxe foi coller desprevidas ás forzas policiais e do exército. Seu máximo dirixente o “subcomandante Marcos” estudou na Universidade, viaxou a Cuba, e era critico co capitalismo. Non se pode obviar que ademais do apoio da esquerda, en maior ou menor medida segundo o partido, o EZLN contou co arroupe dos sectores máis progresistas do catolicismo, vinculados á Teoloxía da Liberación, como foi o caso de Samuel Ruiz, bispo de San Cristobal de las Casas. 

Houbo acontecementos que aceleraron o proceso, daquela que a revolta coincidise coa entrada en vigor do Tratado de Libre Comercio entre México, Estados Unidos e Canada, que afectaba especialmente ao sector agrario mexicano, e polo tanto aos povos orixinarios. Un xornal arxentino valora así o resultado do acordo comercial entre estes tres países: “O NAFTA/TLC especializou a México nos últimos 25 anos como o principal exportador de froitas e hortalizas de norte-américa, ao mesmo tempo impactou negativamente na produción de grans básicos como o millo, feixós, trigo, arroz, soia e o sorgo, entre outros (...) Os pequenos produtores alleos á especialización, en cambio, foron os máis afectados polas consecuencias do NAFTA, xa que producían bens básicos na etapa previa a 1993. O resultado é coñecido. Estes pequenos produtores, forzados a saír do mercado mexicano, emigraron en masa ilegalmente a Estados Unidos”. E todo reflicte que este modelo socio-económico, moi favorábel aos sectores máis poderosos, estase fortalecendo. 

Outro aspecto que deu transcendencia histórica e simbolismo á revolta de Chiapas, foi que marcaba por vez primeira unha tendencia inversa á que se dera coa caída da Unión Soviética e as democracias populares do leste de Europa. Como consecuencia deste retroceso o discurso dominante deu por rematados os proceso que cuestionasen o capitalismo, coa hipótese de que se desenvolvería en “beneficio da humanidade” nesta etapa global e neoliberal. Mais, a revolta alentou a resposta contra a globalización, mediante un movemento internacional que realizou manifestacións masivas e disputou a rúa en Seattle, Praga, Niza, Barcelona, Xénova e outras cidades. Esta oposición á globalización neoliberal tería un carácter orgánico cos Foros Sociais Mundiais. O primeiro se realizouse en Porto Alegre no ano 2001 (ao que asistín en representación da CIG, así como en tres oportunidades máis neses primeiros anos). 

Pra alén do valor histórico as reivindicacións indíxenas non conseguiron avanzar o necesario, a zona liberada foi militarmente cercada, e o EZLN foi perdendo azos. Polo que xogou un papel simbólico en México, porén anecdótico en termos de poder. O interrogante que se abre neste intre é: se López Obrador, que ten abertos múltiples frontes, terá entre as súas prioridades a problemática indíxena, e se os “zapatistas” estarán dispostos e negociar?  De todos os xeitos, non se pode ignorar a súa contribución na problemática dos povos orixinarios, e de oposición á globalización. 

Te puede interesar