Opinión

A confrontación 
trasládase ás redes

Ate agora, a confrontación entre potencias dérase fundamentalmente no eido económico, militar e da información. Neste último aspecto fíxose cotiá a análise nesgada, así como a teatralización da noticia, pra falsificar a información. Especialmente cando se trata de conflitos bélicos, por exemplo os de Libia, Ucraína, Siria. Súmase a esta terxiversación a intromisión na vida das persoas e o desprezo pola soberanías nacionais. Existe software que permite acceder, sen consentimento nin coñecemento das persoas, aos seus correos electrónicos e chamadas de telefonía. Esta práctica afecta tanto a governantes considerados belixerantes polos Estados Unidos, como tamén a aliados desta potencia hexemónica. A espionaxe abrangue ademais o eido militar e industrial, en beneficio de Washington, que deste xeito está en condicións de vantaxe, e pode aforrar en investigación.

Estas prácticas, ilegais e invasivas, foron denunciadas por Assange e Snowden. Algo que lles tivo un forte custe en termos profesionais e de perda de liberdade. En ambos os casos, os Estados Unidos consideran o seu proceder criminoso, porque seica afectaría á seguridade norteamericana. Daquela que o primeiro estea refuxiado na embaixada de Ecuador no Reino Unido e o segundo en Rusia. A contundencia e rapidez coa que axiu Washington amosa a importancia estratéxica que pra eles ten a cuestión. Ante todo, porque se puxo ao descuberto, non só a existencia de espionaxe, que con todo xa se supuña, senón a transcendencia da súa dimensión pra seguridade e soberanía doutras nacións. Sen dúbida estás revelacións non foron ignoradas, e moitas nacións e empresas tomaron medidas pra evitar a espionaxe, malia que este é un obxectivo que se fixo máis complexo polo aumento da penetración da rede en todos os ámbitos. Evidentemente, nesta espionaxe colaboran importantes empresas do sector. Assange acusou a Google e Facebook, mais todo fai pensar que na nómina da CIA e da NSA poden estar outras corporacións.

Lembro estes feitos porque a ameaza de Obama, de que tomarían represalias contra Rusia mediante ataques selectivos na rede, que non van anunciar nen comentar, representa un pulo na confrontación entre estas potencias. E sobre todo, deixa en evidencia a utilización da rede con obxectivos de poder. O argumento pra esta ofensiva sería seica dar resposta á manipulación por parte de Rusia dos resultados electorais norteamericanos e contribuíndo ao triunfo de Trump. Se Moscova tivese esa capacidade, estaría utilizandoa no eido militar e económico, e moi especialmente no ámbito financeiro. Calquera pode ver que é unha teoría que carece da calquera veracidade, e que só se trata dunha pantasmada pra agravar as relacións entre os Estados Unidos e Rusia, antes de deixar o Governo, a fin impedir ou complicar o obxectivo de Trump de mellorar as relacións con Putin. En calquera caso, un ataque non sería unha novidade, porque hai unhas semanas Rusia denunciaba que cinco bancos foron atacados por hackers dunha empresa ucraína con base en Holanda.

A actitude de Obama, tendo en consideración os antecedentes, fágase ou non efectiva a ameaza, pode marcar un antes e un despois para a rede. Non só porque estes ataques afecten a Rusia, senón porque as demais potencias verán desde este momento a rede, controlada por axencias e empresas norteamericanas, como un perigo potencial para a súa seguridade e soberanía. Por parte de Rusia, tomouse unha decisión importante neste ámbito cando se creou un SWIFT propio, por mor de ser excluída polas sancións occidentais. Todo fai pensar que estas medidas empurran pra que cada país ou grupo de nacións conte con redes propias, e isto fará máis pola desglobalización que a a caída do comercio internacional, o aumento do prezo da enerxía, e a competencia salvaxe.

Te puede interesar