Opinión

Consulta decisiva 
en Grecia

O principio de acordo de hai uns días entre o Governo grego e a Unión Europea causou a euforia nas Bolsas e nos centros de poder neoliberais. Todos estaban satisfeitos de que Tsipras, coma os governos anteriores, aceptase todas as regras de xogo e imposicións das clases dominantes, sacrificando máis unha vez o seu povo. O aumento da idade de xubilación e do IVE, as rebaixas nas pensións e nos salarios a través de novas taxas, eran medidas que esmagaban un pouco máis os de abaixo, e que pretendían ser compensadas cun medre dos impostos ás empresas e aos máis ricos. O problema é que mentres uns ficaban na pobreza, outros só perdían algúns lucros, que o forte proceso de concentración e centralización da riqueza compensaría con creces en pouco tempo.

Teño alertado en artigos anteriores que Syriza prometía máis do que o seu programa e folla de ruta permitían esperar, tendo en consideración a correlación de forzas e o proxecto da UE. O único escenario que tiñan en consideración, como repetiu ate a saciedade este partido, era o de se manter na eurozona e na UE, polo que carecían dun plano B pra unha situación como a actual. Aínda con estas limitacións de enfoque, sempre existía a posibilidade de que o governo de Tsipras non ignorase totalmente as súas promesas electorais e rachase coa Troika, como terminou sucedendo.

Coa convocatoria do referendo ábrese un período incerto, onde todo dependerá do resultado. En relación co desenlace, non se pode ignorar que malia que as esixencias da Troika son durísimas e o povo grego se considera maltratado, ate agora Syriza presentou a saída do euro como a peor solución. Daquela, que as primeiras enquisas falen dun empate técnico, e a Unión Europea non dea por perdida a partida, máxime cando conta con aliados internos poderosos, motivo polo que De Guindos coide que non se pode dar como decidida unha saída de Grecia da eurozona.

Sexa cal for o resultado do referendo, o sucedido en Grecia é un fracaso, en termos políticos, tanto pra UE como pra o Governo grego. Pra os primeiros, porque só ofrecen como alternativa, diante dunha situación tan dramática, novos axustes e o garrote se non se aplican. E pra Syriza, porque resulta evidente a falacia dunha folla de ruta baseada na confianza en que o capitalismo e a UE son mellorábeis. Unha estratexia errada que non só atinxe a Syriza, senón tamén a todos aqueles partidos que en Europa apostaron pola vía socialdemócrata, e exclusivamente polo electoral como o camiño pra avanzar na ruptura democrática. Por exemplo, Podemos no Estado español, que valoraba como bo o acordo pra Grecia, o mesmo que despois Tsipras rexeitou. En calquera caso, o tempo veu dar a razón aos comunistas gregos, tan criticados por uns e outros.

De aceptar as imposicións da Troika, a alta burguesía e as clases acomodadas de Grecia respirarán tranquilas, mais a costa de esmagar a clase traballadora, os pensionistas, os autónomos, a parte máis débil do país. Os intereses das corporacións da UE estarán garantidos, xa que o proceso de centralización e concentración da riqueza e do poder recibirá novos folgos. O resultado deixará en evidencia que se entregou a chave dos cartos aos que impoñen a lei da selva. Asemade, a oposición da UE á consulta amosa ate que punto a democracia europea é elitista, excluínte.

Se os partidos que propoñen a saída do euro gañan o referendo, ábrese en Grecia unha situación complexa, de sacrificios durante algúns anos, mais que se repartirán entre todos e todas. Un paso que permitirá recuperar a medio prazo a economía e o emprego. Ademais, terá un efecto positivo sobre a UE, tanto no trato aos países da periferia, como en relación coas políticas económicas e sociais, porque ficará destruído o mito de que non hai máis camiño que a submisión.

Te puede interesar