Opinión

Crecemento aparente

O economista portugués Carlos Carvalhas deixaba ao descuberto nun artigo, como as estatísticas  neste tempo histórico non son moitas veces un espello da realidade, cando se analizan desde unha óptica tradicional. Poñía o exemplo de Irlanda, que ten un dos maiores excedentes comerciais do mundo. Segundo a información sobre o tema, este país exportou en 2016 por valor de 115.479 millóns de euros e importou por 67.251 millóns. Son cifras excepcionais, que se converten nun verdadeiro milagre cando, en plena crise, o PIB foi quen de medrar dende 210 mil millóns de euros en 2012, a 307 mil millóns en 2016. Un aumento do 46% en catro anos! Mais Carvalhas destaca que malia ter Irlanda un PIB por persoa de 65.870 euros (triplica o galego), existe un saldo negativo en materia migratoria. 

En realidade, asegura, a milagre está na fraude fiscal a gran escala, polo que non se traduce en benestar da maioría social e nunha xeración paralela do emprego. Está tamén nas condicións impositivas excepcionais das que gozan as grandes empresas, que introducen desvalorizados certos produtos que se sobrevaloran no país para non pagar impostos no lugar da UE onde se consuman. Irlanda, “o tigre celta”, é unha lavadora de cartos, co consentimento de Bruxelas. Non é un caso único, xa que se fai o propio en Luxemburgo e outros territorios. 

Esta ruptura na tendencia entre un saldo exterior positivo e economía real, dáse tamén en boa medida no noso país. Non como consecuencia de ser un paraíso fiscal, senón como efecto de sermos un elo débil da cadea de produtiva en moitos sectores, con pouco aporte de valor engadido, polo que non se transforma en emprego e salarios dignos. No caso galego, hai que dicir que se exclúe o Estado español (EE) dos dados, polo que non se ten en consideración, segundo as táboas input-output de 2011, sobre un 50% do comercio exterior, que en realidade é todo aquel que se realiza fóra da Galiza. En ambos casos, o saldo exterior era positivo para o noso país. Claro que ademais habería que ter en consideración o fluxo de capitais. E neste caso, sabemos que o investimento de fóra do EE é mínimo, e que existe unha importante deslocalización de capitais ao exterior, tanto de empresas de transformación como de servizos, e moi especialmente do sector crediticio. Unha  característica alentada desde a Xunta co argumento de dar fortaleza e competitividade ás empresas. 

Tendo en consideración esta subordinación exterior na cadea de valor do comercio exterior galego enténdese que o enorme aumento das exportacións, por exemplo do sector da confección, cun saldo positivo de máis de 3.000 millóns de euros, non dean como resultado unha redución espectacular do paro. Daquela resulta evidente que fiar o medre do PIB e da creación de emprego ao comercio exterior tanto pode dar os resultados de Alemaña e China, como os de Irlanda. Porque o esencial non é vender moito, senón o valor engadido real que se lle aporta ao ben ou servizo. E neste aspecto, Irlanda non é un exemplo. E para ser como Alemaña ou China, a batalla económica está no eido da política. Ou sexa, que papel se cumpre na cadea produtiva (o grao de soberanía), os investimentos en i+d+i, e como se reparten os ingresos na sociedade. 

O Governo galego gábase do equilibrio fiscal, dun saldo exportador positivo e de cumprir todas as directrices de Madrid e Bruxelas. Porén, isto ten moito que ver con termos unha taxa de desemprego moi alta para un país con tan baixa natalidade e cunha emigración crónica. Ao que cómpre engadir  o aumento da precariedade laboral e da desigualdade social. Resultado: unha Galiza en retroceso, tamén en povoación, se o comparamos coas súas potencialidades. O que amosa que os éxitos non son tales, xa que son outros os que tiran rédito deles. 

Te puede interesar