Opinión

Crecemento e regresión laboral

Hoxe, 1º de maio, Día Internacional da Clase Traballadora, no que se lembra o masacre de Chicago en 1886, é o momento máis axeitado pra facermos unha reflexión sobre a conxuntura.  As mensaxes que nos chegan son contrapostas, os suxeitos sociais e políticos están moi fragmentados, a depredación desfai os ecosistemas, e o militarismo e os retrocesos democráticos semellan imparábeis, malia se manteren certas liberdades sempre que non se cuestione o poder das clases dominantes. 

Se analizamos os últimos dados macroeconómicos, vemos que destacan o crecemento da economía galega e das exportacións. A Xunta gábase de que vai axustar á alza o medre do PIB este ano. Considera que esta evolución positiva, a creación de emprego e a entrada de milleiros de inmigrantes, débense ás medidas que están a tomar. Esquece que o medre da economía iniciouse e fortaleceuse grazas á enxurrada  de turistas, por mor da forte inestabilidade en países competidores, á caída do prezo do petróleo, e á flexibilidade cuantitativa do Banco Central Europeo. Ou sexa, a factores externos.

Dado que non se están impulsando reformas económicas estruturais en relación coa produción, nen existe un proxecto en tal sentido, que se manteña a tendencia actual ten moito de conxuntural, e unha enorme dependencia externa. Obviando esta realidade, dende o Goveno central e máis a Xunta de Galiza, dise que os retrocesos nos salarios, nas condicións laborais, e nas prestacións e servizos sociais, recuperaranse grazas ao forte crecemento da economía, partindo da teoría de que este se manterá durante as próximas décadas con igual forza. 

Este discurso contradí o que está a suceder na práctica, xa que mesmo neste período de expansión, os salarios seguen a baixar, e a pobreza e a precariedade seguen aumentado (horas polas que non se paga nen se cotiza, traballo a tempo parcial, eventualidade, falsos autónomos, traballo”colaborativo”). Este recuar social non é casual, e ten nas reformas laborais a base que lle dá sustento. Tamén se apoia nas sancións e medidas restritivas do dereito de mobilización e folga (lembremos a lei mordaza e as modificacións no código penal). No aspecto laboral e social, maniféstase con claridade un proxecto de sociedade que basea o crecemento do PIB no empeoramento das condicións de vida das clases populares, afectando mesmo aos fillos e fillas dun sector das clases medias. 

Afírmase que non existe outro recurso, dado que non se controla a moeda, nen as taxas á importación e exportación. Mais, poderíase apostar pola investigación e a tecnoloxía, polo investimento público nos sectores estratéxicos, así como na recuperación da moeda propia e da capacidade de control sobre o comercio exterior. Asemade, utilízase a inmigración e emigración pra substituír persoal por outro máis barato, e manter un determinado nivel controlábel de man de obra de reserva, como un mecanismo máis pra incidir no reparto da renda. Todo isto en beneficio das corporacións e grandes fortunas, ou sexa do capital. 

Polo tanto, é lóxico que se convoquen mobilizacións esixindo a derrogación das leis que restrinxen a protesta, a diverxencia de opinións, e a negociación colectiva, así como das reformas laborais e das pensións. Trátase de conseguir unha distribución máis xusta do traballo e da riqueza, de protexer aquelas persoas en situación de dependencia, por razóns de idade ou incapacidade. Con este obxectivo, a CIG convoca pra mediados de xuño unha folga xeral galega pedindo salarios e pensións dignas. Chamou a CC.OO. e UGT a participaren nesta mobilización necesaria e urxente. Farano? En calquera caso, o importante é que o debate chegue aos comités, á base afiliada, ao conxunto da clase traballadora e á sociedade. Isto representaría un avance cualitativo.

Te puede interesar