Opinión

A crise é cousa do pasado?

Que se manteña a creación de emprego é un dado positivo. Mais non se pode ignorar que en boa medida é traballo temporal, ou a tempo parcial, e con salarios moi baixos. Daquela que o Estado español, e Galiza, teñan o triste mérito de seren un dos territorios con maior desigualdade de Europa. Como dado alarmante, un 13,1% dos asalariados/as e un terzo dos nenos e nenas están en risco de pobreza. Razón pola que Bruxelas alertou o Governo central de que este crecemento non é o máis axeitado. Claro que, pra ser equilibrado na análise, non se pode ignorar que a UE por unha banda recoñece estas eivas, e pola outra, impón medidas que contribúen á concentración e centralización da riqueza e do poder. 

A esta altura, existen na Galiza 156.000 ocupados menos que hai oito anos, cando comezou a crise (en realidade un duro axuste no reparto do PIB entre territorios e clases sociais). E a participación  do traballo no PIB reduciuse significativamente. No ano 2009, os ingresos do traballo representaban un 48% do PIB e hoxe son só o 42,9%; mentres que as rendas do capital pasaron do 43,8% ao 47,1%. Só no ano 2016 o traballo perdeu 1,1 puntos, o mesmo que aumentou o capital. Ou sexa que o medre da economía fíxose exclusivamente en beneficio das empresas e dos autónomos. Polo tanto, pra clase traballadora, no noso país a crise non rematou, tanto no aspecto cualitativo como no cuantitativo. 

O Governo de Rajoy afirma acotío que se sente avalado nas súas reformas económicas e laborais polo medre do PIB, que xa está nos mesmos parámetros que antes da crise, e polo crecemento do emprego. E argumenta que a precariedade e os baixos salarios mudaran de tendencia co medre da economía. Porén, esta hipótese carece de fundamentos. O consumo está universalizado nun mercado aberto, a man de obra de reserva sempre se pode aumentar coa inmigración evitando o aumento salarial por falta de oferta. En definitiva, o medre dos salarios e a mellora das condicións de traballo, así como o cumprimento de convenios e leis laborais, dependeron historicamente e tamén agora da loita reivindicativa da clase traballadora, e da fortaleza e iniciativa sindical. 

Resulta evidente que as reformas laborais non pretendían acadar unha economía máis competitiva e solidaria senón garantir que as grandes fortunas, altos executivos e a franxa superior das clases medias evitasen a crise. Os sectores máis concentrados do capital viven unha bonanza polo aumento de beneficios. Ademais, non se pode obviar o carácter conxuntural do crecemento do PIB, da balanza exterior e do emprego. No fundamental, o medre do PIB non foi consecuencia da deflación salarial e do investimento en i+d+i, como argumenta governo e empresarios. Foi alentado polo auxe turístico, por mor de problemas nos países competidores, pola queda do prezo do petróleo, por unha relación dólar/euro máis vantaxosa pras exportacións, e pola flexibilidade cuantitativa do BCE. Canto durarán todos estes aspectos conxunturais? Como incidirá o xiro de Trump e o brexit? Que consecuencias terá en cada estado o burato que deixa o brexit na contribución a Bruxelas? 

As razóns que a provocaron a crise capitalista seguen presentes. É así, polas burbullas do capital especulativo e os múltiples mecanismos das corporacións empresariais pra eludir impostos, polas incertezas políticas, as frontes militares abertas, o aumento da delincuencia e a violencia, e os retos medioambientais. Neste contexto mirarse o embigo, vivir de espellismos, e carecer dunha visión estratéxica pra os distintos escenarios posíbeis, pódese pagar moi caro. En calquera caso, sen rectificacións, a tendencia dominante no Estado español e na Galiza fortalece a desigualdade. Esta é a primeira eiva que se debe solucionar. Só así se evitará a desfeita demográfica.

Te puede interesar