Opinión

O custe da electricidade

Sorprende que, se todos os partidos da oposición no Congreso denuncian (ou cando menos recoñecen) que as compañías eléctricas exercen sobre os usuarios-clientes unha relación de dominio, ningún deles propoña a nacionalización desas compañías. A presentación dunha iniciativa co obxectivo de favorecer a instalación da produción de enerxía familiar, sendo positiva, non dá solución ao problema de fundo. O Governo, pola súa banda, utiliza como escusas a falta de chuvias e vento, o aumento do petróleo, e un troco euro/dólar máis desfavorábel pras importacións. Porén isto non xustifica o aumento constante do prezo da luz nos últimos anos, con períodos moi longos nos que estas condicións eran positivas pras empresas produtoras de electricidade. 

Sen dúbida existe unha predisposición ideolóxica, non económica, pra non nacionalizar estas ou outras empresas. Máxime cando despois reciben múltiples subsidios públicos e mesmo son resgatadas, como aconteceu hai pouco coa banca. Tampouco se ten en consideración o máis conveniente pra o usuario e o desexábel dende un punto de vista estratéxico, dado o carácter básico dos produtos enerxéticos. Unha postura que choca coa existente non hai tanto tempo en case todos os países europeos, onde o sector eléctrico e as telecomunicacións eran públicos; tamén no Estado español. Lembremos que mesmo un estado hoxe tan neoliberal como a Gran Bretaña nacionalizaba hai setenta anos, en xaneiro e febreiro de 1947, as minas e o sector eléctrico, por iniciativa do governo laborista de Clement Attlee. 

En realidade, o sector é máis un monopolio que un oligopolio, xa que os prezos están fixados de común acordo e garantidos os máximos beneficios, tanto pra os accionistas, como pra os altos directivos e moi ben pagados asesores. Terá algo que ver este trato de favor co feito de que sexa frecuente que ex-cargos do Governo terminen contratados como asesores das eléctricas? Só así se entende que se lle recoñecese a estas empresas unha débeda (seica contraída polos usuarios), de máis de 20 mil millóns de euros (a chamada débeda eléctrica), que pagamos nos recibos. Só así se entende que as tres grandes produtoras de electricidade gañasen no ano 2014 nada menos que 7.125 millóns de euros, e 56.624 millóns de euros entre o ano 2008 e 2015, en plena crise. Resulta lóxico que moitas asociacións esixan que se realice unha auditoría sobre a débeda eléctrica, xa que os criterios non son abondo claros, e van en prexuízo dos usuarios, e moi especialmente das clases populares, dado que se trata dun servizo esencial.

A proposta que fai o BNG dunha tarifa eléctrica específica pra Galiza, tendo en consideración que somos un país exportador, implicaría un custe máis baixo que noutras partes do Estado e serviría pra atraer investimentos na actividade transformadora. Funcionaría como un valor engadido, como outros territorios utilizan as comunicacións, ou súa proximidade aos países máis fortes da UE. Ademais abarataría o gasto das familias. É unha medida necesaria e razoábel porque no transporte encarécese a enerxía, xa que se perde potencia e implica investimento e mantemento na rede. É unha medida positiva que non entendo por que non é apoiada por todos os partidos e pola Xunta de Galiza. Porén, sería unha solución pra este contexto e correlación de forzas, e non resolvería a cuestión de fundo, aquela que pode garantir que este servizo esencial estivese sempre ao servizo do povo galego. E isto implica que as produtoras e distribuidoras sexan empresas públicas. O seu carácter privado amosou durante estas décadas, e moi especialmente durante a crise, que máis que un valor engadido é unha pexa, que agrava os problemas sociais e non contribúe a expansión económica.

Te puede interesar