Opinión

Dando folgos 
á confrontación

Oderribo dun bombardeiro ruso por cazas turcos, na fronteira, mais no territorio sirio, amosa con toda claridade que hai forzas moi poderosas que dan folgos á confrontación con Rusia-China e outras potencias rexionais non controladas polos Estados Unidos. Non se entende esta acción sen unha consulta previa con Washington, e se non ten como intención deter o éxito da intervención rusa en Siria. Resulta evidente que pra Washington, o central é debilitar estas potencias emerxentes, e que isto ten máis importancia que o terrorismo do Estado Islámico (EI) ou de Al Nusra, mesmo a costa de abrir un conflito coa segunda potencia militar do mundo, que posúe armamento nuclear.

Todo indica que o ataque por parte de Ankara non foi casual. O kremlin considera que foi planificado, e dáse nun contexto no que se pode bloquear a proposta de Francia pra unificar os bombardeos de Rusia e da coaligazón occidental, que garantiría en pouco tempo a derrota da oposición armada radical e un acordo de paz. Como dicía Putin, “é un ataque polas costas (...) non se pode entender que despois do incidente, en vez de falar con Rusia, o primeiro que faga o Governo turco sexa pedir o amparo da OTAN, como se eles fosen os atacados”. A min, como á maioría da xente, gostaríame pensar que as grandes potencias occidentais íanlle tirar das orellas a Erdogan, e buscar unha solución diplomática a este grave incidente que favorece o terrorismo salafista. Mais non foi así, apostouse por manter a tensión, aínda que sen lle dar todo o apoio que pedía ao novo sultán otomán, por se as cousas van máis alá do pensado.

Turquía quere recuperar o seu ascendente sobre os territorios do antigo imperio otomano. Nalgúns casos debe competir con Arabia Saudita e Catar pola hexemonía. A súa penetración en todos estes territorios fíxose a través de grupos políticos islamitas radicais, como os Irmáns Musulmáns (IM), e na Asia central dando pulo ao factor étnico. En Siria apoiou nun principio aos IM, e cando estes se viron desbordados por Al Qaeda na guerra civil, fixo o propio coa súa sucursal Al Nusra e outros grupos semellantes. Asemade, facilita a entrada de armamento e mercenarios pra o seu competidor, o Estado Islámico, e aprovéitase da venda ilegal de petróleo. Erdogan afirmaba estes días que non era verdade, e daba a absurda explicación de que o Governo sirio financiaba o EI, cando varios medios de prensa colocan ao fillo do presidente turco no centro do negocio. Por se non abondase, segundo os xornais dese país: “As autoridades de Turquía detiveron por cargos de espionaxe a dous xornalistas que informaron sobre entregas clandestinas de armas aos xihadistas sirios por parte dos servizos secretos turcos”

En calquera caso, mesmo que Hollande, pensando nas vindeiras eleccións en Francia, pretenda recuperar a súa imaxe, que está polo chau, auspiciando unha gran coaligazón internacional pra loitar contra o EI, como hai tempo procura Putin, non semella que sexa doado. Pra alén das boas palabras, a estratexia das potencias occidentais, das monarquías reaccionarias arabes e de Turquía, pasa pola substitución de Assad e a instalación dun governo títere, pra controlar un área xeoestratéxica. Por iso, seguen armando Al Nusra e outras organizacións, e dan unha de cal e outra de area ao Estado Islámico. Despois de todo, os atentados deste en Turquía foron dirixidos contra os curdos e organizacións de esquerda.

Sen dúbida este ataque agudizará a confrontación entre Washington (e estados aliados) e as potencias emerxentes, tanto no eido económico como no militar, en conflitos locais. O envío por Rusia de cazas, mísiles S-400, e dun cruceiro a Siria así o reflicten, mais tamén a resposta económica de Rusia a Turquía, un aspecto no que Ankara ten moito máis que perder. Isto non remata eiquí.
 

Te puede interesar