Opinión

Decisións estratéxicas

Comecei na Arxentina os meus anos de militancia estudantil, obreira e política; ou sexa, nunha realidade que mudaba moito acotío, como consecuencia das fortes contradicións sociais, e da diversidade de orixes da povoación. Un día un golpe militar e unha tempada de dura represión, despois fortes mobilizacións populares, e como resultado governos que sen rachar co sistema abrían espazos de democracia, avances laborais e sociais. Aqueles eran tempos no mundo dunha gran forza da esquerda e dos movementos nacional populares, e de retroceso do imperialismo, tal como se reflectiu coa liberación das colonias, e a derrota dos Estados Unidos en Vietnam. 

Hoxe a situación é moi distinta. Estase a facer un forte axuste a costa das clases populares e das nacións sen estado e aquelas que teñen un papel subalterno. Tal como amosa o rápido ascenso da estrema dereita en todo o mundo alentada polo Governo de Trump, e a constante intervención ignorando as soberanías nacionais. O triunfo de Bolsonaro no Brasil, o cambio de chaqueta de Moreno en Ecuador, as ameazas contra Venezuela, Nicaragua e Cuba na América Latina, e o apoio de Bannon a VOX no Estado español son reflexo desta nova realidade. Neste último caso non se pode obviar que este partido está a condicionar o discurso tanto do PP como de Ciudadanos, carentes dunha oferta económica e social propia, e que se usa polo PSOE pra gañar o voto do medo polo retroceso que significaría un governo do bloque da dereita. 

Non se pode obviar neste contexto, e dos retos que implica prás clases populares galegas, a recente ruptura ente En Marea e de Podemos+EU. Unha fractura que, pra alén das liortas de poder internas, ten unha base política respecto de onde debe estar o centro de decisión. Neste aspecto a ruptura entre nacionalistas e forzas de ámbito español clarificaba o panorama, ao poñer en primeiro plano a cuestión da autoorganización, rematando coas excepcións interesadas e a ambigüidade. Ademais, abre cara o futuro a porta a unha maior relación tanto no institucional como na mobilización entre En Marea e o BNG (e un acordo de reunificación?). 

Neste aspecto Anova ligase como unha lapa ao escenario do pasado. Malia que se afastou en principio do acordo con Podemos+EU, no que parecía unha postura onde primaba a cuestión nacional, aos poucos días Anova afirmaba que priorizaba unha alianza con estas forzas de ámbito español nas vindeiras autonómicas. Esta decisión non pretende só recompoñer a fronte electoral agora esnaquizada. Primeiro, porque implica que dá por definitiva a ruptura con En Marea, e non valora nen remotamente calquera tipo de acordo co BNG. Segundo, porque neste novo escenario, con Podemos á baixa e Anova fóra das listas, acepta pra o futuro as regras de xogo que lle impuxo Podemos+EU. Terceiro, porque chama indirectamente a votar por elas nestas eleccións. Ou sexa, que Anova considera estratéxica a coaligazón con Podemos. Acaso isto non implica na práctica facer da autoorganización e do dereito de autodeterminación letra morta? 

Hai que lle dar tempo ao desenvolvemento dos feitos e á reflexión, aínda que a tendencia resulta evidente. Porén, sabendo que non existe posibilidade de transformación sen participación masiva do povo, sen mobilización, sen o protagonismo de miles de activistas, e sen unha folla de ruta críbel e que remate coa globalización neoliberal. Só así terá futuro a disputa da hexemonía ás clases dominantes, e a conquista da xustiza social e a soberanía. Axudaría nesta reflexión e no reagrupamento do nacionalismo galego o recoñecemento das partes, e que o BNG e as Mareas acadasen representación. Especialmente o bloque, dado súa coherencia respecto da centralidade de Galiza. Que a nosa nación teña voz propia no Parlamento español é unha necesidade.

Te puede interesar