Opinión

Democracia e governabilidade

Analizando os resultados das eleccións francesas resulta evidente que algo funciona mal no sistema electoral. Esta é a única conclusión á que se pode chegar, tendo un mínimo de sentido crítico, cando a representación parlamentar non expresa fielmente a vontade popular. Un feito moi grave, especialmente cando se comproba que a abstención (57,4%) supera os que votaron, e que un partido obtén o 61% da Asemblea Nacional co 16% dos censados. Non se trata dunha eiva sen transcendencia, xa que afectará á povoación de Francia nos vindeiros anos en todos os aspectos da súa vida, e dado a importancia dese país, a todos os países que integran a Unión Europea. 

Mais, o realmente preocupante é que non se trata dun feito illado. Repítese noutros estados da UE, mesmo con sistemas electorais distintos, mais que utilizan sen ningún complexo criterios de “corrección” pra primar a “governabilidade” sobre a vontade expresada polos votantes. En Grecia, o “berce da democracia”, o partido máis votado, aínda que só sexa por décimas, ten un suplemento de 50 representantes. Non é unha distorsión menor se temos en conta que o Parlamento está constituído por 300 deputados/as. No Reino Unido, como en Francia, o país divídise en distritos uninominais, sendo elixido quen obteña maior número de votos (en Francia hai unha segunda volta). Este modelo electoral é o que máis marxina os pequenos partidos. Cunha  diferenza cativa na porcentaxe, no mesmo proceso pódense conseguir resultados moi distintos entre unha votación e outra, ou un partido e outro. En Alemaña, existe un sistema mixto que combina uns representantes elixidos por cada land (estado federado), coa outra metade (299) elixida en distritos unipersoais. 

Estes modelos, foron aceptados no seu día pola maioría dos votantes, porque a economía medraba, e melloraban as condicións sociais. Mais hoxe, son cada vez máis contestados e afastan a unha gran parte da xente das eleccións. Que máis dun 50% dos/as votantes non participase na segunda volta das lexislativas francesas amosa a gravidade da cuestión. As enquisas, en moitos dos países do centro do capitalismo e na súa periferia máis próxima reflicten que a abstención é maior na mocidade e na clase obreira. Este feito amosa que a esquerda actual xa non recolle totalmente as arelas desta clase. Daquela que, cando ollan unha viraxe á esquerda, unha fracción importante se suma axiña a esta alternativa, como con Corbyn no Reino Unido. Outra parte, a máis queimada, seguirá na abstención, xa que necesita máis probas de que isto non é pura leria, que non é unha escenificación máis.

Este caso, como outros, reflicten que é posíbel mudar os resultados esperados polos poderes económicos, mesmo cun sistema feito á medida das súas pretensións. Mais os cambios políticos serían máis doados se o sistema electoral permitise trasladar ás institucións unha copia exacta da vontade popular. Sería o xusto. Se así fose os parlamentos terían un carácter máis plural, baixaría a abstención e, o fundamental, avanzaríase en democracia. E neste aspecto, aínda non sendo o sistema máis elitista, o existente no Estado español ten mecanismos que limitan o pluralismo e favorecen aos partidos que apoian a globalización neoliberal. Cómpre mudalo. Por exemplo, que os distritos electorais sexan as autonomías e non as provincias. E que o número de parlamentares sexa o que lle corresponda por povoación. Que non exista un chanzo mínimo de votos, e que o reparto sexa directamente proporcional. Semellan cambios cativos, mais mudarían a composición dos parlamentos e corporacións municipais. Tamén deberían existir espazos nos medios públicos pra todos os partidos con representación, e durante os procesos electorais pra todos aqueles que se presenten. Democracia!!  

Te puede interesar