Opinión

O derradeiro 1º de maio que se reprimiu

Morrera o ditador Francisco Franco en novembro de 1975 e asumira a presidencia de governo Adolfo Suárez en xullo de 1976. Eran moitas as expectativas de cambio, cunha clase obreira moi mobilizada, e cun movemento estudantil e labrego en expansión (Encrobas, Xove, etc.), facendo piña cos primeiros. En 1975, comezara na Galiza un novo auxe das folgas reivindicativas, superando así a dura represión contra os paros de marzo de 1972 polo conflito da Bazán no Ferrol, e das dúas semanas de folga en Vigo en setembro dese mesmo ano. Os conflitos pola negociación colectiva alargáronse a partir de 1977 das grandes empresas ás medianas e pequenas, a través dos convenios provinciais de sector, e a todo o ámbito galego. En Ourense por exemplo, ao convenio da construción (marzo), e pouco despois ao da madeira (maio).

Neste contexto de protestas masivas comezaron as reformas do réxime pra frear a ruptura democrática que esixían os/as activistas e partidos que confrontaran coa ditadura. O 4 de marzo de 1977, publicouse o Real Decreto (RD) eliminando as restricións á folga, aínda que habería que esperar á aprobación da Constitución en 1978 pra poder exercer este dereito con total liberdade. O 1 de abril entraba en vigor o RD 17/1977 de Asociación Sindical que permitía a libre organización sindical. O 2 de xuño publicábase o RD 31/1977 sobre extinción da sindicación obrigatoria (ao sindicato vertical). Rematábase así cunha boa parte da lexislación que secuestraba dereitos laborais básicos. En 1978 realizaríanse as primeiras eleccións sindicais.

Agora ben, eses avances democráticos fóronse dosificando. O governo de Suárez quería gañar tempo. Sabía que pra impoñer unha reforma controlada do réxime, fronte á ruptura que pretendía a esquerda antisistémica, era necesario dividir e desmobilizar o movemento obreiro. Isto acadouse co Pacto da Moncloa asinado pola UCD, AP, PSOE e PCE, en outubro de 1977, utilizando a excusa da grave situación da economía e a ameaza dun golpe militar (e tamén as incoherencias e debilidades da esquerda asinante). Sacrificáronse os salarios fronte ao capital, e a clase traballadora dividiuse entre os que aceptaban ou non este pacto social (ao que lle seguirían outros no futuro, como o AMI, ANE, AI, AES, etc.). Respondendo a esta lóxica do poder, foi que o Día Internacional da Clase Traballadora non se puido conmemorar normalmente en 1977, xa que os Governos Civís non permitiron a realización das manifestacións.

Ese 1º de Maio, foron convocadas manifestacións en todas as cidades e nalgunha vila. Era un domingo, e os xornais do martes destacarían que foran detidas medio cento de persoas. Na Coruña, Vigo e Compostela fixéronse “saltos” de manifestantes que foron axiña dispersados polas cargas policiais. Houbo por suposto detidos: 30 na Coruña, 8 en Compostela e outros tantos en Vigo, e numerosos contusionados. Esta última manifestación sería solicitada o día 20 no Governo Civil de Pontevedra pola ING, CSUT e CC.OO., indicando que tería unha duración de dúas horas e que o servizo de orde estaría constituído por mil persoas. Os obxectivos que se incluían na solicitude eran: amnistía laboral; unidade sindical; amnistía política total; liberdades políticas sen exclusións; desmantelamento do CNS (sindicato vertical); e negativa á cota sindical obrigatoria. En relación co simbolismo da data, non semella casual que os xornais do 4 de maio recollan que a Intersindical Nacional Galega (ING), antecedente da CIG, presentara o día anterior os estatutos pra súa legalización diante da oficina de Relacións Sindicais.

Cómpre lembrar estes feitos porque hai quen pensa hoxe que coa presidencia de Adolfo Suárez pasouse automaticamente da ditadura á democracia. Foi necesaria moita presión social e política.

Te puede interesar