Opinión

Día da Patria: Reforma ou ruptura?

Este 25 de Xullo, Día da Patria Galega, realizaranse unha morea de actos, tanto dentro como fóra do país (alí onde hai galegos e galegas emigrados). Neles, destacarase o orgullo de pertencer a esta nación, recoñecida hai tantos séculos como unha realidade diferenciada. A data foi escollida na Segunda Asemblea Nacionalista realizada polas Irmandades da Fala en Compostela no ano 1919. Se cadra, a data elixida non fose a mellor, pola súa coincidencia cunha celebración relixiosa tan destacada. Máxime cando había outras de maior simbolismo pra o nacionalismo galego, dende e Revolución de 1846 ate o Banquete de Conxo, por poñer só dous exemplos. Mais naquel intre, os nacionalistas escolleron esta, e o fundamental é o contido que se lle dá. Por iso, malia que haxa forzas sistémicas que pretendan, coa celebración relixiosa e a presenza de cargos institucionais e poderes fácticos, opacar os actos e manifestacións reivindicativas do nacionalismo e do galeguismo, na práctica, a participación masiva e popular dáse nestes últimos. 

Nos discursos deste Día da Patria, con seguridade estará presente a situación económica e política. A Xunta de Galiza aproveitará pra salientar o medre do PIB e do emprego, augurando un futuro mellor baseado no aumento do turismo, do consumo e das exportacións. Todos e todas felices, agás unha minoría que seica non tardará en saír da poza. O problema é que esta análise ignora as contradicións do sistema, que a esta altura non resolve, senón que afonda a desigualdade salarial, a precarización, o medre da xornada laboral e dos ritmos de traballo. A esta regresión nas condicións laborais (que abrangue o 80% da povoación activa), súmase o proceso de concentración económica en prexuízo da pequena empresa e das persoas autónomas. 
Como consecuencia do anterior, a tendencia dominante no social é a contraria da que se dá no eido da economía neste intre no Estado español. Por iso continua a emigración da mocidade, mantense á baixa a natalidade, e as perspectivas demográficas na Galiza son alarmantes. Esta evolución regresiva no social, que atinxe a 2/3 da povoación e vai a máis, tamén atinxe os/as pensionistas, e os servizos públicos esenciais. Ademais, se temos en consideración os pasos atrás que están a dar en materia laboral en potencias como Francia, todo indica que esta evolución negativa no social representa con maior fidelidade a situación do capitalismo, que datos como o medre do PIB ou do emprego (que son conxunturais). Algo que podemos comprobar co medre da temporalidade e dos contratos a tempo parcial, que son exemplo dun reparto regresivo dos ingresos, polo que se pode ser pobre traballando. Sendo así, e á vista de como se reduciron as prestacións por desemprego, falar de emprego non abonda, sen valorar cales son os salarios, a xornada, e os ritmos de traballo. 

As contradicións serán maiores no futuro, porque é a evolución lóxica do proceso de concentración e centralización do capitalismo nesta etapa. E isto afecta ás estratexias dos partidos sistémicos, así como á da oposición política, e dentro dela ao nacionalismo galego (debido á interdependencia pra súa solución, da relación entre clase e nación). É verdade que é posíbel xestionar mellor autonomía e concellos. Que se pode optar por adicar o excedente ás empresas ou aos colectivos máis desposuídos. Porén, isto non muda as tendencias dominantes do capitalismo. Especialmente cando se forma parte dun tren, como é a Unión Europea, que fortalece a globalización neoliberal. A esta altura non abonda con medidas keynesianas. A ruptura debe ser máis profunda: de modelo económico e social. A solución sempre estará no ámbito da política, do cambio na correlación de forzas e da loita das ideas, da mobilización e da participación social. 

Te puede interesar