Opinión

Eleccións e modelo de sociedade

Os partidos sistémicos conseguiron que o debate sobre os orzamentos xirase arredor de se teñen ou non unha partida destacada de axudas sociais e ao tema electoral, deixando nun segundo lugar o modelo, os obxectivos estratéxicos. Unha dinámica que a chamada “nova política” non confrontou. Relegouse o debate encol da desigualdade, precariedade, caída dos salarios e aumento da explotación laboral (ritmos de extensión da xornada, desemprego). Daquela que, despois de oito meses de Governo PSOE, aspectos de tanta importancia como a derrogación das reformas laborais, da Lei mordaza e do artigo 315.3 do Código Penal, que eliminan a ultra-actividade, e afectan regresivamente a negociación colectiva e limitan a mobilización da clase traballadora, seguen vixentes. Todo son promesas, procesos parlamentares que nunca acaban, en beneficio do capital, seica atrancados pola Mesa do Congreso controlada pola dereita.

Cada vez están máis ausentes da discusión temas centrais, que afectan o reparto da renda, tanto entre clases como entre nacións. Refírome á nacionalización de sectores estratéxicos da economía, como son a banca, enerxía e telecomunicacións, a emisión de moeda, as taxas á importación e exportación, a capacidade pra dar pulo a actividades que dinamicen a economía e xeren emprego de calidade. Sen o control destes mecanismos a marxe pra realizar políticas de solidariedade e desenvolvemento é mínima, nun mundo onde a aposta pola globalización privilexia ás grandes potencias, ás corporacións, á economía especulativa e delitiva. 

As subvencións aos colectivos máis vulnerábeis, propias da socialdemocracia, do chamado estado de benestar, sendo un paso adiante, carecen de marxe nesta etapa dun capitalismo senil, que pra poder sobrevivir aumenta acotío a centralización e concentración da riqueza e do poder. E como resultado, o medre da desigualdade entre clases sociais e nacións (abonda ver o recuar da nación galega, malia a riqueza potencial). Daquela que, como a competencia entre estados prima a rebaixa de impostos ás corporacións e grandes fortunas, as achegas aos sectores empobrecidos proveñan do aumento da presión fiscal ás clases medias e dos impostos ao consumo. Esteritando a base electoral da esquerda sistémica, dándolle pulo á abstención e aos partidos da dereita. O desacougo dunha parte importante das clases populares diante dun futuro adverso, por falta dun proxecto alternativo, tamén afecta aos “partidos da nova política”, polo que foron perdendo folgos. 

Estas eivas non se van solucionar coa convocatoria de eleccións, senón se realiza unha discusión de modelo económico-social, do tipo de democracia, de estratexia, da folla de ruta, dos métodos de traballo. Cómpre un debate que contribúa á  formación da conciencia, participación e organización popular. Hoxe a maioría da mocidade e da clase traballadora non vota ou faino a desgusto. Esta é a cuestión prioritaria. Con isto non pretendo dicir que as eleccións e institucións non sexan importantes, nen que non se deba acudir a elas, senón que a distribución do esforzo partidario debe mudar. Hai tarefas que son esenciais pra construír o cambio que non se poden adiar acotío, por parte daquelas forzas que din traballar a prol das clases populares e da nación galega.  

Sen dúbida as clases dominantes teñen moito poder, económico e cultural, tamén coercitivo, mais seu maior éxito é cando que marcan en todo momento os temas de debate, o tipo de resposta. Cando se perde a iniciativa pra xerar dinámicas propias, aínda que abranguesen a sectores reducidos da povoación, deixase de existir como unha referencia política realmente distinta (pra alén das siglas). Neste escenario non se distinguen as contradicións sistémicas daquelas outras que se dan no seo do povo.

Te puede interesar