Opinión

O Estado Galego, unha loita con moita historia

Hai poucos días celebráronse, tanto a declaración do Estado Galego no ano 1931, como a realización o 28 de xuño de 1936 do plebiscito do Estatuto de Autonomía, que o povo galego aprobou por inmensa maioría. Cómpre lembrar que Galiza foi libre durante moitos períodos da súa historia. Noutros formou confederación con León. A capacidade pra decidir da nobreza galega dentro do país perderá pulo cos Trastamara, coa renuncia dos reis de Portugal a unir ambos os reinos durante esa etapa (pra evitar a invasión de Castela), e coa ruptura da unidade administrativa eclesiástica por mor do cisma relixioso entre Roma e Aviñón. Ou sexa que a segunda metade do século XIV será clave pra Galiza, aínda que o proceso de colonización real encetará coa “castración e doma” polos Reis Católicos, como consecuencia da última guerra irmandiña.

No século XIX, a invasión francesa e o papel destacado que ten o povo galego na derrota do exército de Napoleón no noso país, vai axitar as augas do antigo réxime, e cuestionar o papel subordinado dos galegos e galegas. Collen alento novas ideas que están en consonancia co avance da conciencia social e nacional en toda Europa. O primeiro intento de poñer a debate a cuestión nacional galega, dáse como oposición á desaparición da unidade administrativa de Galiza (coa eliminación dos reinos). En 1843 celébrase unha asemblea en Lugo pra tratar a organización territorial, e nela Antolín Faraldo propón o debate sobre a independencia de Galiza; seica a moción perdeu por só un voto.

Sería tamén Antolín Faraldo quen en 1846, a través do periódico Revolución, como órgano da Xunta Suprema de Galiza, caracterizaría o noso país como unha “colonia da Corte” e argumentaba que a revolta era pra que nos “temeran e respectaran”. Chama a atención que se utilizaran xa daquela dous conceitos tan actuais, como son: colonia e soberanía. A derrota dos sublevados, militares e civís, afogou esta iniciativa liberal e galeguista, deixando varios oficiais fusilados, centos de detidos e milleiros de exiliados políticos.

No ano 1873, durante a 1ª República, realizouse unha “asemblea republicano-federal” en Compostela á que asistiron 545 delegados de todo o país, e na que se asinou un manifesto pedindo a autonomía de Galiza e un réxime federal pra o Estado español. E no ano 1887, en tempos da rexencia de María Cristina, baixo o governo do liberal Sagasta, o Partido Federal de Galiza redacta un proxecto de “Constitución pra o Estado Galaico”. Porén, o maior pulo cualitativo dáse coa realización da 1ª Asemblea Nacionalista de Lugo (en 1918), na que se esixe a autonomía integral pra Galiza e unha Federación de Iberia (incluíndo Portugal).

No ano 1931, despois da proclamación da 2ª República, o entusiasmo popular a prol dun cambio fixo pensar que se ían atender as reivindicacións seculares de Galiza, máxime estando as clases populares tan mobilizadas. A declaración do Estado Galego o 25 e 27 de xuño en Ourense e Compostela, ao abeiro da folga do ferrocarril, poñía máis unha vez a cuestión nacional en primeiro plano. Outro tanto pódese dicir do anteproxecto do Estatuto de Galiza redactado ese mesmo ano, no que se afirmaba no seu primeiro artigo: “Galiza é un Estado libre dentro da República Federal Española”.

En síntese, existe unha longa loita a prol de que os galegos e galegas sexamos os donos de noso presente e futuro, que podamos dar unha resposta acaída ás nosas necesidades e dignificar a nosa identidade. O noso, coma outros, é un proceso con avances e retrocesos, no que cada nova xeración foi facendo a súa contribución. Podemos afirmar que a celebración da proclamación do Estado Galego o 25 de xuño, é mais ca unha anécdota, é o reflexo do estado de ánimo do momento, e unha data significada pra o povo galego.

Te puede interesar