Opinión

De estatísticas 
e realidades

Non penso que exista ninguén que considere que hai hoxe na Galiza máis familias nunha situación folgada que antes de encetar a crise, mais segundo os dados da enquisa “sobre a situación económica dos fogares”, entre o 1º trimestre de 2010 e o 3º de 2014 aumentou o número dos fogares que chegan con facilidade ou moita facilidade a final de mes, pasando do 41,46% ao 41,82% do total. En poucas palabras: segundo esta estatística, a crise, a rebaixa de salarios e prestacións públicas, e o medre da precariedade, do desemprego e da presión fiscal, enriqueceron as familias galegas. É un insulto á intelixencia do pobo, e non se comprende como esta enquisa non foi eliminada da páxina web do IGE, e os responsábeis non foron substituídos e cesados. 

Polo tanto, non é de estrañar que o presidente considere que todo vai ben, que o noso país pode dar leccións de eficacia a Cataluña, e que haxa quen no Governo coide que a emigración da mocidade é pra facer turismo, pra mellorar idiomas, e pra se perfeccionar profesionalmente. Tamén resulta lóxico que pensen que a baixa natalidade obedece a razóns egoístas, que a mocidade prefire pasar o día de troula e non asumir responsabilidades familiares, ter fillos e fillas. En resume, que asumen o xeito de proceder dunha minoría, que pode ser moi normal na súa contorna, ou situacións circunstanciais, como a realidade cotiá do povo. Pechan os ollos a que a maioría choia en condicións de temporalidade, dez ou máis horas ao día, que non chega a ingresar 800 euros mensuais e que non se lle cotizan todas as horas traballadas (sen que Inspección de Traballo vexa ren, aínda que logo se calcule con exactitude a economía en negro e a delituosa). Nestas condicións hai que ser un suicida ou heroes pra casar e ter fillos/as. 

Claro que o Governo galego, ademais destes datos estatísticos tan contraditorios, debería tomar en consideración os de salarios, temporalidade, desemprego, emigración e natalidade, pra interpretar a situación do noso país. E, por se non lles abondase, dado que resulta evidente que son seareiros de todo o que di e fai a Unión Europea, non tería que obviar as enquisas de Euroestat que destacan que no Estado español (e Galiza) o 20% máis rico acada 7,2 veces máis ingresos que o 20% máis pobre, o maior diferencial da UE. Outro tanto afirma o FMI, salientando que é o estado da UE onde máis aumentou a fenda entre ricos e pobres entre 2007 e 2012 (en coeficiente Gini). Mais, segundo o IGE na Galiza todo vai vento en popa, malia o recuar ou estancamento da economía, a perda de ocupación real (medida en traballo a tempo completo) e o auxe da emigración. Pra o IGE, un 42% das familias viven ben, non teñen problemas, mesmo son un chisco máis ricas que antes da crise. Núñez Feijóo pode ficar tranquilo... Galiza é distinta!

A información estatística é fundamental. Por exemplo, as táboas input-output que nos permiten ter unha visión completa dos trocos comerciais, tamén co Estado español, e que hai anos que non se publican. Como se pode planificar unha política comercial de bens e servizos, e comparar a evolución, sen esta información? Semella que todo se deixa en ser o furgón de cola do que se decida en Madrid e Bruxelas, ou outros centros de poder, confiando na súa boa vontade e nas potencialidades intrínsecas de Galiza. Esquecen que nesta etapa, a loita polos mercados e a produción é desapiadada, e que todo o mundo anova e planifica pra poder manter e gañar espazo. Polo que a locomotora non sempre arrastra os vagóns, en moitos casos sacrifícaos pra manter ou gañar velocidade. E este semella ser o caso de Galiza nestes anos, nos que a perda de peso político e económico non é mais que un síntoma do que seguirá a acontecer se non hai un cambio de rumbo.

Te puede interesar