Opinión

É o euro a única 
alternativa?

Se atendemos os argumentos de Syriza pra xustificar porque aceptou as esixencias da Troika, non existiría máis camiño pra Grecia que de se someter ao euro. A saída da eurozona seica sería un desastre. Unha postura que asumen a dereita e a esquerda europeísta, nos estados que forman parte da moeda común, e que representan a maioría do electorado. Porén, unha enquisa do ano 2013 indicaba que un 30% dos entrevistados no Estado español estaba a prol da saída da eurozona. Resulta evidente que esta franxa da povoación carece de representación, xa que mesmo forzas emerxentes, que se din rupturistas, como Podemos, apostan pola moeda única. Mesmo Pablo Iglesias valora como positiva a postura de Tsipras, porque coida que era a única solución posíbel neste contexto.

Agora ben, é esta a única alternativa? Ren indica que sexa así, a non ser os desexos das clases dominantes da UE, que queren meter as ideas nunha gaiola e impedir calquera cambio. Inclusive un keynesiano como o norteamericano Krugman, que hai poucos meses dicía que a saída do euro non era unha solución, e que mesmo lle asustaba, agora, tendo en consideración as gravosas esixencias da Troika, considera que esta é a mellor opción. Paul Krugman, premio Nobel de Economía e profesor en Princeton, valoraba nun artigo, que o triunfo do “non” no referendo foi unha "grande vitoria pra Tsipras e Syriza, que fortalece a súa posición pra afrontar o que veña despois". Krugman aseguraba que o Goberno contaba co respaldo do povo, polo que debería ir máis alá e aproveitar os beneficios pra saír do euro "porque os custos xa foran pagados". Referíase á fuxida de capitais e ao deterioro da economía polas restricións monetarias impostas polo BCE.

Pola súa banda, o marxista portugués Daniel Vaz de Carvalho vai máis alá, e afirma en relación coa crise grega e a confrontación desta coa Troika: “Contrariamente às ilusões europeístas o sistema é incapaz de resolver os problemas provocados pela financeirização da economia a favor do rentismo e da usura. A UE que concebem e idealizaram não existe, é na realidade uma quimera, uma monstruosidade. São os monopólios e a finança que ditam a lei, fixam taxas de juro, criam moeda e se necessário nacionalizam prejuízos”. A súa postura está na liña que defenden o Partido Comunista Portugués e os comunistas gregos, o KKE. Unha actitude ben diferente á de Esquerda Unida e Podemos no Estado español.

Existe coincidencia neste tema entre a esquerda marxista e partidos da dereita nacionalista, o que amosa que a soberanía nacional é unha contradición e confrontación principal na sociedade, nesta etapa da humanidade, e que non se pode obviar cando se analiza a loita de clases. Hai quen destaca, dende as esferas do poder, a importancia desta coincidencia. Mais non é tan relevante como a que se dá cun carácter estratéxico entre a socialdemocracia e a dereita sistémica, con consecuencias negativas verificábeis nas condicións de vida das clases populares. Neste último caso, co agravante de acordos e votacións no Parlamento Europeo avalando os tratados de libre comercio, en beneficio das grandes corporacións, e no Estado español a respeito do límite de déficit, en prexuízo dos servizos e prestacións básicas. O fundamental non é a coincidencia na oposición á globalización, que ten razóns abondo pra se xustificar pra alén da ideoloxía, senón que modelo económico-social se ofrece como alternativa por parte de cada forza política, e o grao de participación do povo.

Coa perda das moedas nos estados e o nacemento do euro, e o papel sobranceiro que hoxe xoga a banca na sociedade, entregouse o control económico das nosas vidas a entidades internacionais controladas polo gran capital e as potencias hexemónicas. U-la democracia?

Te puede interesar