Opinión

Facer cambios ou gañar tempo?

Na actualidade a maioría das persoas ocupadas obteñen todos ou a maior parte dos ingresos da súa relación laboral como asalariadas. Este aspecto, así como a distribución do traballo e as prestacións sociais públicas, son temas centrais pra garantir unhas condicións de vida dignas e evitar a marxinación e a pobreza. Ademais, de 2010 a 2016 os salarios superiores a 4.200 euros mes aumentaron un 5,2%, mentres que os máis baixos perderon un 10% de poder adquisitivo. Esta tendencia regresiva non mudou coa recuperación do PIB e mantense en beneficio do crecemento do lucro empresarial. Contribúen a que sexa así as últimas reformas laborais, que precarizaron aínda máis as condicións de laborais e debilitaron á clase traballadora na negociación colectiva. Ao que se sumou: a alta taxa de man de obra de reserva (desemprego, subemprego, inmigración), e a lei “mordaza” como mecanismo pra rebaixar a combatividade das mobilizacións.

Isto deu pulo a unha esixencia social de, como mínimo, derrogar as reformas laborais do PP. Daquela que, en novembro de 2017 por iniciativa do PSOE, Podemos e PNV, e outros partidos, aprobouse unha iniciativa neste sentido no Parlamento español. Mais, unha vez no Governo o PSOE xa comezou a facer matizacións, todo indica que por presións da patronal (tamén da Unión Europea?). A CEOE diante do novo escenario, por unha banda, abriuse a aumentos salariais cativos, mediante o pacto con CCOO e UGT, co obxectivo de garantir a tranquilidade neste aspecto por varios anos, e por outro lado, sinalou as liñas vermellas ao novo Executivo. Claro que, no ámbito laboral, as contradicións son moi fortes, máxime cando as expectativas de progreso social están truncadas. Asemade, existen sindicatos que se opoñen a estes pactos sociais, como é o caso da CIG e ELA. Será a razón pola que non as convocan ás reunións malia ter a condición de sindicatos “máis representativos”?

A ministra de Traballo, Magdalena Valerio, coa escusa de non existir maioría parlamentar pra derrogar a reforma, malia que a houbo hai uns meses, propón no inmediato algúns cambios, porque seica os aceptarían sindicatos e empresarios, aínda que son insuficientes. Trataríase de recuperar a ultra-actividade e que prevalezan os convenios sectoriais, e controlar a temporalidade. Sen concretar neste aspecto, que é cerna da super-explotación, se as reformas se reduciran a evitar os contratos por horas e a fraude das fins de semana, ou se o obxectivo é permitilos só por motivos moi específicos, ou eliminalos. Todo fai pensar que o Governo non ten unha proposta definida ou prefire que o tema se aclare nunha comisión entre patronal e sindicatos. Convén aclarar que CCOO e UGT, diverxendo no modelo coa CEOE, aceptan o capitalismo, polo que non propoñen un cambio de sistema, que garanta un reparto xusto do traballo e dos ingresos. 

Con esta folla de ruta, a correlación de forzas actual, e a falta de atrevemento político por parte do PSOE, ou sexa de vontade, todo fai pensar que as modificacións ao regresivo marco laboral serán mínimas, a menos que a presión do movemento obreiro e popular sexa moi forte. Ademais, o argumento de que é necesario un novo Estatuto do Traballo, por mor das mudanzas económicas e nas relacións laborais (falsos autónomos, o chamado “traballo colaborativo”, etc), serve neste contexto como unha escusa. Válida, tanto pra mudar no mínimo o marco actual, como pra adiar os cambios necesarios, cando se lle engade como condición buscar previamente o consenso cos sindicatos e a patronal. Algo que carece de lóxica, tendo en conta que existen intereses contrapostos. En fin, semella leria, pra gañar tempo. Será porque o PSOE carece dunha proposta propia ou a que ten (ou lle impoñen) pódelle facer perder votos antes das eleccións?

Te puede interesar