Opinión

Falsas saídas

Rajoy conseguiu a través da aplicación do 155, e sen a esperada confrontación na rúa coa base do independentismo, recuperar o control das institucións catalás. Sendo isto un éxito diante do seu electorado e dun amplo sector da sociedade do Estado español (EE), que rexeitan calquera cesión de capacidade de decisión ás nacionalidades históricas, non é menos certo que se trata dunha solución con moi pouco percorrido. Os motivos disto: a diferente conformación partidaria no Estado español e en Cataluña; o auxe da centralización e concentración da riqueza e do poder; os problemas ecolóxicos e a depredación de recursos; e a aguda confrontación en todos os ámbitos entre as grandes potencias. 

Todas as variábeis sobre a composición do Parlamento Catalán deixan na oposición tanto ao Partido Popular como a Ciudadanos. Especialmente despois de que ERC e o PDeCAT decidisen dar un paso atrás na súa folla de ruta, e optar por un referendo consensuado. Algo que facilitaría os pactos con Catalunya en Comú e non fai imprescindíbel a CUP pra formar governo. Aínda con este paso atrás, evitando unha confrontación directa co Estado, todo indica que o obxectivo do referendo e a mobilización esixindo a liberdade dos detidos políticos seguirá polarizando o debate. Máxime cando o PP carece de capacidade de manobra pra facer unha proposta que intente restar base ao independentismo. Os ascenso de Ciudadanos, arroupado nunha mensaxe máis centralista e de dereitas, conseguiu o transvase de moitos/as votantes do partido de Rajoy.

Unha recentralización tan aberta como a que propón Rivera, que tanto implica á maioría dos ingresos dos funcionarios autonómicos, restaríalle ao PP o seu electorado menos centralista, e  afectaría a súa base nas comunidades nas que governa, por exemplo na Galiza. A perda de votantes do PP pola dereita en beneficio de Ciudadanos que dan as enquisas, coloca á dirección dos conservadores nunha situación complexa. Daquela que un día se fale de facer “concesións a Cataluña” (e polo tanto ás outras nacionalidades, como mínimo, se non quere abrir novos conflitos) e ao día seguinte se fagan declaracións de recentralización. Agora ben, en realidade, aínda que quixese dar unha viraxe á dereita, a suma PP+Ciudadanos non dá pra realizar unha regresión centralista. Polo que todo podería quedar como está. Deixando o PSOE sen a súa reforma de federalismo estético, que utilizou pra xustificar o apoio ao 155. Ou sexa, que a situación continuará deteriorándose

Sucede así, porque as autonomías foron perdendo competencias reais, tanto a través da LOAPA no seu día, como da lei da Unidade de Mercado, do papel executivo e centralista da Comisión da Competencia, e das decisións, normativas, e transferencias realizadas á Unión Europea, e polos tratados internacionais. Neste contexto, a capacidade real das autonomías pra protexer ou desenvolver a economía e o emprego é mínima. Daquela que nas últimas décadas aumentase tanto a desigualdade nos ingresos entre os territorios. O mesmo sucedeu coa medre da desigualdade nos ingresos laborais e co retroceso das pensións. Ademais, a última reforma laboral regresiva en Francia é un anticipo de medidas semellantes en países da contorna. Polo que a cuestión social, xunto coa nacional seguiran sendo focos de conflitividade. Tanto en relación co futuro da Unión Europea, como a respecto das tensións internas dos estados que a compoñen. 

Pra alén dos cercos e muros que mencionaba, e que o propio PP xerou, a situación política non se “normalizará” no EE coas eleccións en Cataluña e reducindo dereitos democráticos. As solucións tampouco virán das grandes potencias e corporacións, que son a causa do problema. Deben conquistalas as clases populares de cada nación, dende a solidariedade, en pe de igualdade, e cun sistema ao servizo das persoas.

Te puede interesar