Opinión

Fórmulas inconsistentes

En principio, a unidade circunstancial entre forzas políticas que coinciden nos obxectivos sempre é positiva, especialmente cando se manifesta nas institucións e na mobilización. Neste caso as diferenzas serían de matiz, por exemplo, sobre a folla de ruta a seguir e os métodos de traballo. Aínda así a unidade só será posíbel sobre un mínimo común denominador. É dicir, implicaría determinados contidos. Tamén é evidente que a unidade é máis doada e necesaria, cando falamos de loitas locais e sectoriais, con reivindicacións primarias tanto laborais como sociais, ou aquelas referentes a dereitos democráticos individuais ou colectivos básicos.

Agora ben, non penso que os cambios sistémicos e os dereitos nacionais, concretamente no relativo á soberanía de Galiza, se podan defender con unidades abstractas, ou sexa, cando se constrúen como algo funcional e conxuntural. Son casos nos que a alianza electoral ten prioridade sobre os obxectivos programáticos e a folla de ruta. Deste xeito ficaría relegada unha estratexia baseada no aumento da mobilización, da conciencia política, da organización e da presenza institucional. Nunha alianza deste tipo, todo se supedita a transmitir á sociedade que coa unidade se garante obter unha importante representación institucional. Mais aínda que se acade este obxectivo electoral, a mensaxe que se transmite é que as organizacións políticas existentes carecen de validez, tanto pola súa falta capacidade pra incidir na sociedade, como porque a súa presenza política mingua acotío, ao empregar estruturas que intermedian na actividade política. Esa será a lectura que se faga, primeiro polos simpatizantes, e despois pola militancia.

As consecuencias negativas no político-ideolóxico, da unidade feita con criterios conxunturais e con programas ambiguos, ten unha maior dimensión cando as organizacións políticas ceden o seu protagonismo e dirección a fórmulas montadas ao efecto por persoas que se axuntan “espontaneamente” asumindo a dirección estratéxica. Un exemplo disto son a morea de plataformas que están a nacer, todas elas seica en representación da cidadanía, co obxectivo de presentar unha candidatura nacional galega unitaria nas vindeiras eleccións xerais. Trátase, polo de agora, de xuntanzas nas que, como máximo, está unha fracción da sociedade, polo que a representación é, de momento, limitada e os resultados que podan obter nas eleccións unha incógnita. Ademais é preocupante que releguen o papel dos partidos a simples espectadores, e que despois lles esixan o seu apoio, alegando que son eles a voz do povo. Os/as militantes dos partidos só poden participar a título persoal.

En fin, un discurso funcional aos pequenos grupos políticos, e a aqueles que non estan dispostos á disciplina colectiva e que, de se aceptar polas forzas que teñen numerosa militancia, peso sindical e social, e forte presenza institucional, terminarán baleirando de sentido a súa propia existencia (por delegación das tarefas políticas a terceiros). Asemade, de aceptar esta fórmula pras eleccións xerais, que argumento habería pra non facer o propio nas autonómicas e outros procesos electorais?

Neste intre, no que a presión do proceso catalán pode obrigar o Estado español a mover ficha no referente á soberanía e ás competencias das nacionalidades históricas, que o nacionalismo galego obteña unha representación importante nas Cortes é transcendente. Mais, unha alianza deste tipo, pra que sexa efectiva, débese dar entre forzas que teñan o seu ámbito de decisión na Galiza, que coiden que a soberanía é un aspecto principal pra mellora da calidade de vida e dos dereitos democráticos do povo galego. Unha unidade que asuma que este é un proceso longo que non debe ser hipotecado polo espontaneísmo e o conxuntural.

Te puede interesar